Comunicado de PROXECTA aos públicos dos festivais asociados

Proxecta, Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia, ante a crise do COVID19 quere manifestar primeiro, e antes de nada, a nosa solidariedade con todas as persoas afectadas pola enfermidade e as nosas condolencias para quen, a causa dela, perdeu un ser querido. Queremos transmitir tamén o noso agradecemento  a todo o persoal que traballa na sanidade e facelo extensivo a todos e todas as traballadoras que seguen expostas ao risco para facernos a corentena máis doada.

Pero tamén queremos enviar unha mensaxe en positivo e dicirvos que, aínda que algúns dos festivais xa nos vimos na obriga de suspender os nosos eventos, e de que previsiblemente a lista irá aumentando nos vindeiros días, trátase de suspensións temporais. Os festivais de cinema galegos non cancelamos, senón que aprazamos a nosa celebración no convencemento de que imos volver á normalidade e poderemos disfrutar das diversas programacións que xa estaban, en moitos casos, pechadas e incluso publicitadas. 

A través da páxina web e as redes sociais de Proxecta, así como das de cada festival, iremos informando tanto das novas datas como de calquera outra nova relacionada cos festivais asociados.

Coidádevos moito, respectade as indicacións sanitarias e, en breve, vémonos nas salas!