Coordinadora Galega de Festivais de Cinema
Proxecta ten a vocación de traballar pola defensa e o impulso dun sector que hoxe constitúe un dos máis fértiles e activos do panorama cultural galego, tanto polo nivel e variedade das súas propostas artísticas e culturais, como polo volume de actividade e de atención ao territorio que desenvolven. Os festivais son, en grande medida, garantes e activadores do talento audiovisual galego, e importantes compañeiros de viaxe para a industria audiovisual do territorio, ademais de dinamizadores culturais da nosa sociedade.
Proxecta nace o 30 de maio de 2018. Actualmente integra a 19 festivais e mostras de cinema e audiovisual que se estenden por toda a xeografía galega, que atenden a diversos xéneros e formatos e que reúnen un importante volume de actividades, públicos e equipos profesionais a través dos seus programas de exhibición, formación e promoción do cinema.