
29 Dec A edición número 36 de Cineuropa deixounos 17 días repletos de cinema e 126 películas de 30 países
Cineuropa celebrou a súa 36ª edición do 4 ao 20 de novembro en Santiago de Compostela: no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Salón Teatro, NUMAX e Multicines Compostela. É un festival organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura (Auditorio de Galicia) que conta co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, entre outras entidades e empresas, e baixo a dirección de José Luis Losa.Os Premios Cineuropa deste ano foron para dúas actrices convertidas xa en iconas do noso panorama estatal como son Ana Belén e Charo López; un dos cineastas referentes do Novo Cinema Galego, Lois Patiño, e un cineasta radicalmente libre como é o portugués João Pedro Rodrigues.
Esta 36ª edición de Cineuropa tivo como ADN a intencionalidade de impregnar de celebración a atmosfera do festival. Ese xerme está no ciclo Cancións para despois dunha guerra, unha ampla homenaxe ao cinema musical con 23 títulos que abranguen desde o musical clásico de Hollywood ata o revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta. Tamén ofrece este tributo ao xénero unha atención especial ao gran Jacques Demy.
A orixe da elección do musical para o ciclo temático desta edición foi o 70 aniversario de Cantando baixo a choiva. Así, a imaxe de Cineuropa para este 2022 inspirouse nese filme, aínda que nesta ocasión a choiva é de Compostela, o farol é un dos da Alameda, e o paraugas morado e o vestido amarelo (que tamén nos lembra a La, la, land ou Os paraugas de Cherburgo) son de Coralia, das Dúas Marías, nunha forma de traer ata a nosa cidade as icónicas imaxes do filme que todos temos na nosa mente. E tamén deste filme quitamos o lema desta edición: Que marabillosa sensación!
A programación completa do festival estivo composta por 126 películas nas que están representados 30 países. Estrutúrase en 5 seccións oficiais e 7 seccións paralelas e nesta edición, novamente, Cineuropa contou cunha sala virtual na plataforma Filmin, na que se presentou unha escolma especial de 15 películas.
23 son os filmes que configuran a Sección Oficial Europea desta 36ª edición de Cineuropa, os títulos dos que levamos meses escoitando valoracións porque foron noticia en Cannes, na Berlinale, no Lido. E o selo autoral dos nomes consagrados: Ulrich Seidl, Cristian Mungiu, Rebecca Zlotowski, Carlos Vermut, Ruben Östlund, Jerzy Skolimowski ou Mia Hansen-Løve, que abre esta 36ª edición do festival coa súa última obra. Tamén tivemos a estrea do laureado filme ‘As bestas’ de Rodrigo Sorogoyen e ‘Mantícora’, cuarta longa de Carlos Vermut.
A panorámica polas cinematografías do resto do mundo céntrase en 9 títulos que conforman o Panorama Internacional, dirixidos por persoeiros xa coñecidos abondo no noso festival: o coreano Park Chan-wook; o xaponés Koreeda; o iraniano Jafar Panahi, coas liberdades cada vez máis limitadas no Irán pechado sobre si mesmo; a arxentina Laura Citarella (a súa Trenque Lauquen, que fascinou na Mostra de Venecia, é imprescindible); a brasileira Júlia Murat, Leopardo de Ouro en Locarno por Regra 34 ou o canadense Denis Côté, esta vez en chave de gran provocación. E —todo un acontecemento— o maior talento vivo, xunto a Marco Bellocchio, dos cineastas que arrincaron no século XX: o gran Paul Schrader, con Master gardener (O mestre xardineiro), película coa que consolida un período creativo crepuscular de magnitude impensable, cando xa o dabamos por amortizado.
18 pezas conforman esta mirada polo actual Panorama Audiovisual Galego, ás que engadimos as 11 curtametraxes do programa especial Aturuxo Films: Imaxinando Músicas. Nesta 36ª edición centrámonos no momento doce que vive a animación en Galicia con Os demos de barro; no foco posto na memoria histórica de filmes como Removendo a terra, Un cielo impasible, 10 de marzo ou Donde acaba la memoria; na importancia de persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Florencio Delgado Gurriarán, ou na reivindicación dunha sanidade pública e segura con Agromantes ou Anatomía dunha serea. Ademais, renderémoslle tributo a Lois Patiño, talento maior e cosmogónico do panorama internacional.
Na escolma de 6 documentais deste ano, en Docs Cineuropa, hai figuras de peso como Isabel Coixet, que revisa n’O teito amarelo un caso real de abusos sexuais sufrido por adolescentes, ou como Manuel Iborra, que bota a vista atrás e elabora un fermoso relato sobre as luces e sombras do pasado, a través do reencontro cunha película tan representativa do cinema español doutro tempo como Orquesta Club Virginia. E toda a atención para a que é xa unha das cintas do ano: coas imaxes de El caso Padilla descóbrese por vez primeira un material de arquivo áureo, as filmacións da autocrítica realizada polo poeta cubano Heberto Padilla na Habana, en 1971. Nese acto –que foi gravado en formato de cinema por ordes de Fidel Castro– asistimos ao ritual totalitario da autoinculpación, da delación dos outros.
LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Cineuropa Miúda, Maratón e En lembranza de… son as outras seccións que completaron a 36ª edición de Cineuropa. O mellor do cinema latinoamericano que triunfou polos máis grandes certames e a homenaxe a China Zorrilla; unha escolma de cinema para nenas e nenos coas correspondentes especificacións por franxas de idade; a nosa particular homenaxe a dous grandes como Jean-Luc Godard e Angela Lansbury, e o último do cinema de xénero para incondicionais da maratón e a sección Fantastique Compostela.
A programación deste ano completouse con diferentes actividades que incluíron presentacións de libros, programas pedagóxicos que vinculan o cinema e a música coma o levado a cabo no IES de Cacheiras; o xa tradicional concerto da Real Filharmonía de Galicia, que musicalizou nesta edición o filme Foolish wives, de Erich Von Stroheim, así como o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que pon música, de Antón Alcalde, a ‘The Pawnshop’ de Chaplin ademais de interpretar outras bandas sonoras. E este ano, unha novidade: dous “paseos de cine” que permitiron ao público asistente coñecer as históricas salas de proxección compostelás (moitas delas xa desaparecidas), e unha panorámica polas principais rodaxes que tiveron lugar en Compostela. Ademais, por suposto, de estreas e presentacións de filmes así como encontros con cineastas, actores, actrices, etc…
SECCIÓN COMPETITIVA
11 foron as películas dirixidas por novas e novos cineastas seleccionadas polo equipo de programación do festival para competir polo premio do público e polos cinco premios outorgados por un xurado oficial composto polo cineasta valisoletano Alberto Morais, o crítico e divulgador coruñés Martin Pawley e a realizadora e fotógrafa uruguaia Irina Raffo. Os tres membros deste xurado internacional decidiron os premios entre os filmes provenientes de Chile, Islandia, Dinamarca, Suecia, Canadá, Francia, Suíza, Estados Unidos, Alemaña, España, Costa Rica e Bélxica:
- Mellor película: Saint Omer de Alice Diop
- Mellor dirección: Marian Mathias por Runner
- Mellor guión: Valentina Maurel por Tengo sueños eléctricos
- Mellor interpretación masculina: Reinaldo Amien por Tengo sueños eléctricos
- Mellor interpretación feminina: ex-aequo para Aline Küppenheim (por 1976) e Céleste Brunnquell (por Fifi).
XURADO NOVO
Como vén acontecendo nas últimas cinco edicións do festival, Cineuropa tamén contou cun Xurado Novo, composto nesta ocasión por Roque Barcia, Saúl Buján, Lydia Fernández, Antón Rial e Ana Laura Rodríguez. Estas cinco mozas e mozos de entre 18 e 25 anos fixeron entrega dos seguintes premios:
- Mellor película: Mantícora de Carlos Vermut
- Mellor dirección: Park Chan-Wook por Decision to leave
- Mellor guión: Laura Citarella e Laura Paredes por Trenque Lauquen
- Mellor interpretación masculina: Nacho Sánchez por Mantícora
- Mellor interpretación feminina: ex-aequo para Lily McInerny (por Palm trees and Power lines) e Virginie Efira ( por Les enfants des autres)
- Mención honorífica a Eo, do polaco Jerzy Skolimowski
PREMIO DO PÚBLICO
Como cada ano, o público soberano de Cineuropa vota o seu filme favorito da edición. Neste caso, o premio do público á mellor foi para El caso Padilla, do cubano Pavel Giraud, un potente documental con imaxes inéditas da famosa autocrítica do artista na Habana de 1971. Obtivo unha nota de 8,82.

