
15 Abr A MICE celebra a súa 20ª edición cun récord de asistencia e unha programación marcada polo humor e a etnografía
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada polo Museo do Pobo Galego, celebrou do 12 ao 16 de marzo a súa 20ª edición cun récord de participación: preto de 4.000 persoas asistiron ás actividades repartidas entre o museo, o Teatro Principal e NUMAX. A programación incluíu máis de 50 proxeccións e propostas para o público xeral, profesional e escolar.
Na sección oficial, o Premio AGANTRO foi para Eros, de Rachel Daisy Ellis, e Silence of Reason, de Kumjana Novakova, recibiu unha mención especial. Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, gañou tanto o Premio MICE á Mellor Película Galega como o Premio CREA. O público elixiu como favorita Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis.
A programación continuou o 4 de abril cunha xornada sobre cinema e educación no Consello da Cultura Galega, coa participación de profesionais do sector educativo e audiovisual de Galicia e Portugal. Nese marco tamén se presentaron as pezas realizadas polo alumnado na terceira edición do proxecto MICEscola.
O humor tivo un protagonismo destacado nesta edición, tanto na sección Trazas como en Impropias, que contou coa presenza da cineasta letona Laila Pakalnina. A mostra tamén incluíu encontros con figuras como Pepe Coira ou Emilio Fonseca, e unha mesa redonda centrada nos retos das cineastas desde unha perspectiva de xénero.
Cun 60% de filmes dirixidos por mulleres e medidas de accesibilidade como o subtitulado para persoas xordas, a MICE reafirma o seu compromiso coa inclusión e os ODS.
A MICE exemplifica o labor sostido dos festivais membros de proxecta por visibilizar o cinema feito dende aquí e conectar co territorio a través de propostas que combinan calidade artística, compromiso social e vocación pedagóxica. A súa traxectoria e esta vixésima edición consolidan a Mostra como un espazo clave dentro do ecosistema audiovisual galego.