A XXI edición do Festival de Cans reúne máis de 12.000 persoas malia a chuvia

A XXI edición do Festival de Cans reúne máis de 12.000 persoas malia a chuvia

Entre o 20 e o 25 de maio, a aldea de Cans, no Porriño, converteuse de novo nun epicentro cultural coa celebración da súa XXI edición. Máis de 12.000 persoas participaron nesta cita que, malia as intensas choivas, destacou por unha organización que soubo adaptar a programación, consolidando espazos alternativos cubertos e garantindo o éxito dun evento xa imprescindible no calendario cultural galego.

A curta O Frío, de Pablo Dopazo, destacou ao levar tres premios, mentres que o Premio do Público recaeu en Betas, de Alberto Senín, unha obra que trata con humor e sensibilidade o tema do bullying. Pola súa banda, As Neves, de Sonia Méndez, rexistrou unha altísima demanda, ata o punto de precisar unha segunda proxección para atender ao público.

As actuacións musicais tamén marcaron momentos inesquecibles. The Rapants pechou o festival cunha actuación vibrante que fixo bailar a preto de 2.000 persoas na Leira do Río. Outros instantes memorables foron a presenza sorpresa de Grande Amore ou a actuación de Su Garrido no invernadoiro, onde rematou compartindo escenario coa súa avoa e tía avoa, recoñecidas cantareiras da aldea de Traspielas.

O Torreiro foi escenario de coloquios e homenaxes de gran relevancia. O cineasta David Trueba protagonizou un multitudinario encontro con máis de 300 asistentes, tras o cal se colocou a súa estrela no paseo do Torreiro. Outro momento emotivo foi a colocación da estrela de María Vázquez, que contou coa presenza da Vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, e do Ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Ademais, foron especialmente conmovedoras a homenaxe ao músico Kepa Junkera e a visita das pandereteiras de Cans á casa da actriz Janet Novás, quen emocionada dedicoulles o seu Premio Goya.

A mocidade tamén foi protagonista a través da sección Cans do Futuro, que achegou o cinema a máis de 800 estudantes mediante proxeccións e percorridos pola aldea. A organización salientou o éxito de todas as actividades paralelas, desde os concertos ata a Noite Lasal dos videoclips, que reuniu recoñecidos artistas do panorama musical galego.

Con todas as entradas de curtametraxes esgotadas por primeira vez desde 2019 e unha asistencia masiva ás longametraxes. Nunha combinación única de cinema, música, tradición e memoria, Cans continúa sendo un exemplo de innovación cultural e dinamización comunitaria.