Armand faise co premio á mellor película do 38º Cineuropa

Armand faise co premio á mellor película do 38º Cineuropa

Cineuropa deu a coñecer os mellores traballos da trixésimo oitava edición certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal que contou coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín e do director do festival José Luis Losa, ademais da presenza do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e doutras integrantes da Corporación Municipal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa.

Ao remate da cerimonia proxectouse o filme Les Fantômes (A rede pantasma), seleccionado na Semaine de la Critique do Festival de Cannes 2024 e debut de Jonathan Millet como director de longametraxes. 

Palmarés do Xurado Oficial

O Xurado Oficial de Cineuropa, formado este ano polas cineastas Flávia Castro e Sonia Méndez xunto á directora de Cinemateca Uruguaya, María José Santacreu, distinguiu como mellor película Armand (A titoría), de Halfdan Ullmann Tøndel. O filme noruegués, gañador tamén do premio á mellor ópera prima no Festival de Cannes 2024, é unha película chea de matices tonais que amosa como o comportamento dos nenos non deixa de ser un reflexo do dos adultos. O xurado concedeu ademais un premio especial a Henry Fonda for president, o documental do cineasta austríaco Alexander Horwath. 

O filme Akiplėša (Toxic) valeulle á realizadora lituana Saulė Bliuvaitė o premio á mellor dirección mentres que o galardón ao mellor guión recaeu en Michael Tyburski por Turn me on. Ademais, o Xurado Oficial distinguiu as tres actrices de Les femmes au balcon (Mulleres no balcón), Noémie Merlant, Sanda Codreanu e Souheila Yacoub, co premio á mellor interpretación.

Palmarés do Xurado Novo

O Xurado Novo, integrado por Alejandro Alonso Rial, Antía Castillo Fernández, Carmen Mato Filgueira, Raquel Rodríguez Cocaño e Uxío Figueroa de la Fuente recoñeceu o documental Tardes de soledad, de Albert Serra, como mellor filme da edición. A xeorxiana Dea Kulumbegashvili gañou o premio á mellor dirección por April. A española Polvo Serán, de Carlos Marques-Marcet, fíxose co premio ao mellor guión, asinado polo director do filme xunto con Clara Roquet e Coral Cruz. Finalmente, os premios ás mellores interpretacións recaeron na actriz Ingrid García-Jonsson por Una ballena e Franz Rogowski por Bird.

El circo de los muchachos, de Elías Siminiani, gaña o premio do público da 38ª edición do festival Cineuropa ao obter a puntuación máis alta de todas as proxeccións sometidas a voto.

A serie conta a historia da Cidade dos Muchachos, fundada por Jesús Silva, “o Cura”, que xunto a 15 rapaces creou unha cidade e un proxecto educativo para a mocidade sen recursos na España franquista de 1956. Está creada a partir dunha combinación de materiais e entrevistas inéditas e dun arquivo único que percorre máis de 50 anos de historia e que conta ata con imaxes gravadas desde o propio estudio de televisión creado en  Benposta.

O director, Elías Siminiani, e o produtor Borja Pena acudiron xunto con outros membros do equipo e algúns dos protagonistas da historia a presentar a serie a Santiago de Compostela.

Siminiani, é investigador sobre diversos formatos e xéneros. Gañou un premio Goya á mellor curta de ficción no 2023 co filme Arquitectura emocional 1959 e o premio á mellor curta en Europa Cinema 2007 por Ludoterapia, entre outros galardóns. Siminiani dirixiu Apuntes para una película de atracos (2018) e tamén docuseries que tiveron moita repercusión como El caso Asunta: Operación Nenúfar (2017) e El caso Alcàsser (2019).

Coa resolución da obra mellor valorada polo público, a 38ª edición de Cineuropa bota o pano a 18 días de programación e máis de 130 obras audiovisuais, alén de concertos, coloquios e numerosas actividades paralelas, que congregaron no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C preto de 16.000 persoas, cunha media de 110 asistentes por filme.