03 Abr As asociacións sectoriais do audiovisual reúnense para facer balance
As Asociacións representativas do tecido profesional e empresarial que forman a base do sector audiovisual galego; nomeadamente AAAG, ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL, AGAG, AGAPI, CREA e PROXECTA; reúnense para facer balance da xuntanza mantida esta mañá co Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
Recollendo a boa disposición por parte da Xunta de Galicia en traballar nun plan de medidas específico que axude a paliar a situación no sector da cultura, os presentes mostraron a súa total disposición para apoiar a concreción desas medidas previstas nun prazo de 15 días.
Coincidiron en recalcar a vontade por parte do Conselleiro de dar cumprimento ós compromisos adquiridos co sector previos a esta situación de crise sanitaria e emprazáronse a seguir traballando de forma conxunta nun escenario de futuro que permita reverter e paliar a difícil situación que atravesan as empresas e profesionais do sector.