A 18 MICE: UNHA CITA CO CINEMA ETNOGRÁFICO QUE PUXO DE MODA O RURURBANO, CON 37 TÍTULOS NA GRELLA E 5 FILMES PREMIADOS

A décimo oitava edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, celebrada do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, deixounos sete días de programación nos que puideron verse 37 filmes de diversas nacionalidades (da Federación Rusa, México, Arxentina, Italia, Francia, Ecuador, Exipto, Reino Unido, Brasil, Senegal e España, entre outros países). Na grella, amais dunha estrea absoluta, Malgrat de Santi Teijelo, os e as espectadores da MICE puideron desfrutar doutras cinco estreas galegas. Filmes que comparten unha temática común, que foi o eixo desta edición: a rururbanía.

Por sétimo ano consecutivo, a MICE contou con sección oficial, con 11 títulos competindo polo Premio MICE ao Mellor Filme a nivel Internacional, 4 deles realizados en Galicia que competían tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Galardóns que recaeron, respectivamente, en Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró; e Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez. O xurado desta 18 MICE estivo formado pola cineasta e artista Tania Dinís; o educador, director e guionista Xoan Escudero e a politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade Sabela Losada.

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en Detached, de Vladimir Krivov. O Premio CREA, que outorgaba a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. E o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, fíxose desta volta co Premio do Público.

Nesta XVIII edición volveron tamén as seccións paralelas: Impropias, dedicada ao cinema realizado ou producido por mulleres e coordinada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío; Lindes, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado; e Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela.

Emoción, cinema e música en directo, na sesión inaugural

Unha das citas clave desta edición foi a sesión inaugural, celebrada no Teatro Principal, coa proxección da recreación que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos) (1934), coa Orquestra Clásica de Vigo interpretando en directo a banda sonora orixinal da película.

O Teatro Principal, o Museo do Pobo Galego e a sala Numax volveron ser os tres espazos que acolleron a programación desta 18ª MICE. Unhas 3.000 persoas participaron nas proxeccións e nas actividades do festival. Na programación paralela desta edición, houbo propostas moi variadas: desde a exposición e performance da artista Marta Valverde, ata formación para profesionais, a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola. Tamén, un programa de achegamento do alumnado ao cinema etnográfico, no marco da MICE Petís.

Unha MICE comprometida co desenvolvemento sostible

Na liña de responsabilidade cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Axenda 2030, a perspectiva de xénero definiu esta décimo oitava edición da MICE. O 90% do equipo organizador e de produción estivo integrado por mulleres e a porcentaxe de autoras femininas na programación situouse no 50%.

O festival procurou tamén o reinvestimento económico no territorio e a busca da accesibilidade universal, con accións, entre outras, como o uso de subtítulos en todas as proxeccións, ou a reserva de asentos ou localidades preferentes para persoas con mobilidade reducida. Todo, para garantir o desfrute dun evento que pretende ser para todos e todas.

A 18 MICE contou co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.