O FILME FRANCÉS ‘L’ENFANT SALAMANDRE’ LÉVASE O PRIMEIRO PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE NA CLAUSURA DA 15ª EDICIÓN DO FICBUEU

AS I XORNADAS CINEMATOGRÁFICAS ACHEGARON ATA BUEU AS EXPERIENCIAS DE DIFERENTES PROFESIONAIS DO SECTOR

 

Esta primeira edición estivo centrada no tratamento do tempo no cinema.

Festival Internacional de Cinema de Bueu puxo en marcha na 15ª edición deste 2022 o novo proxecto das Xornadas Cinematográficas, un espazo de reflexión e pensamento sobre a arte do cinema que reuniu en Bueu a varias e varios profesionais do sector (cineastas, montadoras, críticas ou ensaístas) nunha programación centrada, nesta ocasión, na temporalidade e o papel que esta xoga dentro da linguaxe cinematográfica.

 

 

Baixo o nome I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo’ leváronse a cabo unha serie de actividades que fixeron que o público asistente e todas aquelas persoas que seguiron o evento vía streaming a través da Canle FICBUEU gozaran dun día para o desfrute das apaixoadas e dos apaixoados do cinema.

Deste xeito, o encargado de inaugurar o espazo foi o investigador, ensaísta e cineasta José Manuel Mouriño, quen tamén é representante e coordinador na Península Ibérica e en Hispanoamérica do Instituto Internacional Andréi Tarkovski. Mouriño deu unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo na obra do cineasta ruso, considerado un dos mestres neste eido dentro da sétima arte.


A xornada matinal pechouse coa conversa entre as críticas cinematográficas de Caimán – Cuadernos de Cine Andrea Morán e Daniela Urzola sobre diferentes obras e cineastas, analizando unha gran variedade de recursos temporais destacados ao longo da historia do cinema.


Durante a tarde celebrouse a mesa redonda en liña sobre o ritmo e as realidades temporais que posibilita a montaxe na que, moderadas por Diana Ramahí, a directora, realizadora e docente chilena Carolina Astudillo, a montadora Ana Pfaff e a cineasta e montadora galega Diana Toucedo falaron dos retos habituais á hora de traballar este aspecto.


A penúltima actividade tivo como protagonista a un dos cineastas galegos de maior relevancia da actualidade, como é Oliver Laxe, que participou nun encontro co xornalista Ángel Suanzes. Na conversa, Suanzes fixo que Laxe viaxara a través de toda a súa filmografía poñendo especial atención á evolución da maneira na que o director traballou este aspecto da linguaxe cinematográfica en cada cinta.


Por último, para a clausura das I Xornadas Cinematográficas do FICBUEU  proxectouse a obra ‘Zerkalo’ de Andréi Tarkovski, considerada pola crítica como unha das pezas máis representativas do cineasta ruso. De feito, o ensaio ‘Esculpir en el tiempo’ de Tarkovski é o que inspirou o nome desta primeira edición dun novo formato que promete aínda máis cinema nos seguintes anos.

O FILME FRANCÉS ‘L’ENFANT SALAMANDRE’ LÉVASE O PRIMEIRO PREMIO Á MELLOR CURTAMETRAXE NA CLAUSURA DA 15ª EDICIÓN DO FICBUEU

 

En total entregáronse outros cinco galardóns, ademáis do Premio Cinema Galego a Miguel de Lira.

A curtametraxe francesa ‘L’enfant salamandre’ de Théo Degen foi escollida como a peza gañadora da Sección Oficial na 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, levándose o Primeiro Premio e unha cuantía económica de 2.000 euros. O vicealcalde de Bueu, Julio Villanueva, foi o encargado de entregar o galardón logo do anuncio feito por Luis E. Parés en representación do Xurado Oficial. A curta conta a historia de Florian, un neno que aos 15 anos pensa que se pode comunicar cos mortos a través do lume, o que fai que os seus veciños pensen que é un bicho raro. Un día, a forza de ser chamado monstro, remata por converterse nun.

 

 

Segundo Premio dotado dunha cantidade de 1.000 euros foi para a curtametraxe romanesa ‘Interfon 15’ de Andrei Epure, facendo a entrega da condecoración a deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, logo de que Luis E. Parés, de novo en representación do Xurado Oficial, anunciara o nome da obra vitoriosa. ‘Interfon 15’ trata sobre varias persoas que descobren a unha muller inconsciente tirada fronte ao seu bloque. Aínda que a muller vive no terceiro piso, ninguén sabe o seu nome, o que os leva a reflexionar sobre a vida da súa veciña e sobre a súa propia.

María Ruíz-Falcó e Nerea Lores, en representación do FICBUEU, foron as encargadas de introducir o Premio do Público, que nesta ocasión recaeu sobre a produción neerlandesa ‘Vlekkeloos’ de Emma Branderhorst. Por outra banda, o premio Galicia R á mellor obra galega foi comunicado por Pepe Coira, membro do Xurado Nacional, quen deu paso ao director da compañía R, Alfredo Ramos, encargado de facer a entrega. Nesta edición houbo dúas pezas gañadoras ex aequo, ‘Rompente’ de Eloy Domínguez Serén e ‘El sembrador de estrellas’ de Lois Patiño. Os dous recoñecementos, tanto o do Público como o Galicia R, contan cunha dotación económica de 500 euros.

Pepe Coira tamén foi o membro do xurado que revelou e deu o galardón á Mellor Curta Española da presente edición, cunha recompensa de 500 euros, que recaeu en ‘Alopècia Androgènica’ de Salvador Sunyer, con Mención Especial para ‘Harta’ de Júlia de Paz. Na mesma liña, Helena Girón como parte do Xurado Descubertas foi quen desvelou o nome do filme gañador na mesma categoría, outorgado a Stéphanie Lagarde por ‘Minimal sway while starting my way up’ e que recibiu a mesma cantidade económica que nos casos anteriores. Nesta categoría houbo, ademais, dúas Mencións Especiais a ‘Anxious Body‘ de Yoriko Mizushiri e a ‘Train Again‘ de Peter Tscherkassky.

Para rematar, no acto tamén se entregou o Premio Cinema Galego 2022 a Miguel de Lira, quen reflexionará sobre o certame e sobre a súa traxectoria nunha entrevista co xornalista Gaspar Broullón que se poderá ver a través da Canle FICBUEU.