16 Mai A XI edición do Festival FicAndaina rematou en Redondela cun balance positivo en canto ás cifras e á satisfacción de convidadas e asistentes.
O festival, dedicado á Diversidade Funcional e organizado pola Asociación Cultural ASCEDAN e a Asociación Andaina, celebrouse do 16 ao 23 de abril no Multiusos da Xunqueira de Redondela, un auditorio con capacidade para 260 persoas e con accesibilidade arquitectónica e cognitiva (promovida en ambos casos pola Asociación Andaina)
O festival ten tres seccións competitivas:
- Sección de Ficción Oficial. Curtametraxes de entre 2 e 20 minutos de duración.
- Sección Documental. Cunha duración non superior a 10 minutos.
- Sección Novel. Traballos realizados por centros educativos ou centros de atención á diversidade funcional
E dúas seccións non competitivas, nas que se exhiben longametraxes que tratan a temática da diversidade funcional e películas de animación dirixidas ao público infantil.
A convocatoria fíxose a través das plataformas dixitais: Festhome, Movibeta e Click for Festival, desde o 1 de outubro ao 31 de decembro de 2022, recibindo este ano preto de 200 traballos, dos cales foron seleccionados polo xurado 18 obras para as diferentes seccións.
O xurado estivo composto por:
- Eduardo Rodriguez Cunha “Tatán”, actor e marionetista
- Fernando Carreira “Cuchi”, director de cine
- Xosé Manuel Durán “Seso Durán”, cantautor e mestre de música e audiovisuais
- Magaly Couñago, presidenta de ASCEDAN e traballadora social
- Antonio García, presidente da Asociación Andaina e organizador do festival
O festival inaugurouse o 16 de abril coa proxección da película “O Home e o can” de Ángel de la Cruz, sendo el mesmo o que presentou o filme, acompañado ao remate da proxección por Manuel Manquiña e Estíbaliz Veiga, actores protagonistas, que ofreceron un coloquio moi participativo co público.
Do martes 18 ao venres 22, o festival dedica a súa programación aos centros escolares de Redondela e, nesta ocasión, tamén dos concellos lindeiros de Mos, Vigo e Soutomaior.
As sesións divídense en alumnado de Primaria, cunha selección de películas de animación e da sección escolar, adaptadas á súa idade; e alumnos de Secundaria, Bacharelato e ciclos, coa proxección da sección oficial a concurso e na que poden exercer o seu voto para a selección da mellor película.
En total foron 6 bloques proxectados no Multiúsos da Xunqueira e dúas proxeccións nos Institutos do Concello de Moaña (actividade que se realiza nese concello por terceiro ano consecutivo).
Un total de 1500 alumnos/as tiveron a oportunidade de, ademais de asistir ás proxeccións, participar doutras actividades paralelas como:
- I Torneo de Deporte adaptado, en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado, celebrado no pavillón da Marisma de Redondela.
- Actividades inclusivas como pintar cos pés, camiñar con bastóns para cegos…
- Actuación do grupo de música folk, ACEESCAFOLCK do Centro ACEESCA do Porriño
- Experiencia sensorial de cine, na que os alumnos/as visionaron unha película sen imaxe e audiodescrita para persoas cegas, e unha versión subtitulada para persoas xordas, poñéndose na pel destas persoas.
- Charla a cargo de Simón González, trece veces campión do mundo de kick boxing e que, despois dun accidente doméstico que lle provocou unha paraplexia, non foi quen de abandonar a sua afección polo deporte e agora dirixe o seu propio ximnasio.
O sábado 22 abriuse novamente o festival ao público xeral, coa proxección do bloque Documental e o primeiro bloque da Sección Oficial.
Ese mesmo día, na Casa da Mocidade do Concello de Moaña, proxectáronse os bloques 1 é 2 da Sección Oficial
O domingo 23 foi o turno da Sección Novel e o segundo bloque da sección oficial, rematando coa gala de entrega de premios, na que os galardoados foron:
- Mellor curta de ficción, Premio do xurado: “Quién” de Carlos Martín
- Mellor curta de ficción, Premio do público: “Noria” de Elisabet Terri
- Mellor Documental: “Vivir dos veces” de Lucía Acosta
- Mellor Curta Novel: “Amor sin Barreras” de Nani Corral
- Mellor Intérprete: “Jonathan Bartholme”, por Entre les Mots
- Mención especial do xurado por Interpretación Novel: “Gonzalo Serra” por Amor sin Barreras
- Premio á Traxectoria Profesional: Eduardo Rodriguez “Tatán”
Ademais, este ano contamos coa presenza de numerosos membros das películas seleccionadas, como foron os directores premiados nas tres categorías do xurado, o actor Gonzalo Serra (Mención do Xurado), os directores Oriol Oubets (Gritan mi nombre), Rubén Lara (Inmobilizados), xunto co guionista e dous dos protagonistas. Este feito, de contar coa presenza de todos eles, chegados desde Barcelona, Madrid, Alicante ou Ciudad Real, fan que o noso Festival cobre maior peso e presenza a nivel nacional e siga situándose entre os tres festivais dedicados á Diversidade Funcional máis importantes do noso país.