10 Out PROXECTA pon en marcha un programa de cine itinerante en residencias da terceira idade
PROXECTA, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, organiza esta actividade a prol do envellecemento activo e a integración, a través do cinema, das persoas que viven nas residencias de maiores.
No actual contexto de envellecemento poboacional e coa cifra de residencias e residentes en continuo aumento, a busca de alternativas de animación socio-cultural para a terceira idade faise máis necesaria ca nunca, de cara a conseguir unha vellez saudable e dinámica. Con ese obxectivo en mente, e coa colaboración da Deputación da Coruña, xorde este ciclo de cinema itinerante que achegará o cine contemporáneo feito en Galicia a varias institucións da terceira idade.
Coa vontade de mostrar o universo galego, desde a ficción ata o documental, pasando pola experimentación cinematográfica, a coordinadora de festivais fixo unha pequena escolma encabezada por un clásico: “O carro e o home”, de Antonio Román e Xaquín Lorenzo (1940), para o que contamos coa colaboración do Museo do Pobo Galego, depositario dos dereitos deste filme fundacional da nosa cinematografía. A idea é contrapoñer esta obra con filmes de autoría galega actual que falan da nosa identidade e da nosa forma de entender o que nos rodea. En concreto, as películas elixidas foron “Ser e voltar” (2014), a curtametraxe documental dirixida por Xacio Baño; e a curta de ficción “As vacas de Wisconsin” (2016), de Sara Traba.
A itinerancia da proposta percorrerá tres residencias de maiores na provincia da Coruña:
– Residencia DomusVi, en Noia, o luns 10 de outubro, ás 11 horas.
– Residencia DomusVi, en Narón, o martes 11 de outubro, ás 11 horas.
– Residencia Los Arcángeles, en Cacheiras, Teo, o martes 11 de outubro, ás 17 horas.
O ciclo comezará cunha presentación previa do filme aos e ás residentes, para dar paso despois ao visionado e, a continuación, a unha conversa sobre a película. O obxectivo é conseguir un debate participativo e enriquecedor, que propicie o afloramento de pensamentos, sensacións, emocións, e o diálogo e intercambio de opinións.