CURTOCIRCUÍTO (2022): Nove días de festival e máis de 100 convidados e convidadas vinculadas ao cinema de autor

A 19ª edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela celebrouse do 1 ao 9 de outubro do 2022 no Teatro Principal e en NUMAX. As actividades foron no CGAC, Zona C e Museo das Peregrinacións e os concertos e espectáculos A/V na Sala Capitol, Igrexa da Universidade e Sala Malatesta.

O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través do Auditorio de Galicia, co apoio, entre outros, da Deputación de Coruña, AGADIC e o ICAA e baixo a dirección artística de Pela del Álamo.

A cineasta Pilar Palomero inaugurou Curtocircuíto coa súa nova película ‘A maternal’ tras o seu exitoso paso polo Festival de San Sebastián. Esta proxección –a segunda tras a súa estrea mundial– e unha clase maxistral aberta ao público foron unha das sesións especiais máis esperadas desta edición.

Durante os 9 días de festival, Compostela recibiu a máis de 100 convidados e convidadas vinculadas ao cinema de autor, as artes sonoras e visuais. Na programación puidéronse ver obras de creadores recoñecidos internacionalmente polas súas achegas rupturistas e transdisciplinares. Ryoichi Kurokawa, Letícia Ramos, Lorenzo Senni, Awkward Moments e Andrew Norman Wilson foron algúns dos nomes máis destacados.

Nas súas seccións competitivas puideron verse 56 títulos de cineastas do mundo enteiro (desde Nepal, Arabia Saudí ou Finlandia, por citar algún exemplo). A Sección Oficial recolleu un total de 29 películas organizadas nas seccións Radar e Explora; e Penínsulas e Planeta GZ completaron a sección competitiva cun total de 27 títulos.

Curtocircuíto mantívose fiel aos seus eixos de acción centrais, o cinema de autor e as linguaxes contemporáneas, e, ao mesmo tempo, apostou con determinación polas artes vivas. Proba disto foi o programa específico live A/V, concertos e performances que combinou música e espectáculos de artes visuais creados á marxe da industria, prestando unha atención especial á creación underground. Mesas redondas, cafés, encontros con cineastas, proxeccións noutras seccións non competitivas, programación específica para os e as máis cativos ou o comisariado interdisciplinar, completaron a programación.

A imaxe oficial foi unha serie de catro carteis realizados en colaboración co colectivo artístico Los Bravú, moi vinculado á cidade de Santiago de Compostela. A virxe embarazada da igrexa románica de Santa María Salomé, as esculturas de Adán e Eva do Hostal dos Reis Católicos, o Atlas do Pazo de Bendaña e as ánimas ardentes da igrexa do mesmo nome, figuras icónicas para a cidadanía, alén da rotundidade da catedral; son a base dun traballo reintepretativo que incorpora motivos prerromanos e da subcultura urbana: un xesto de achegamento entre o valor patrimonial da cidade, a súa faceta turística e o día a día dos seus habitantes.

O xurado estivo integrado por personalidades da cultura contemporánea, nacionais e internacionais: Clara Roquet (Gañadora dun Goya pola longametraxe Libertad), Helena Salgueiro (performer galega, poeta e artista), Jacqui Davies (produtora británica), Becca Voelcker (doutora pola Universidade de Harvard, especialista en estudos da imaxe e crítica do cinema) e Ben Rivers (cineasta e artista), entre outros e outras.

Tralas deliberacións oportunas, os diferentes xurados decidiron outorgar os seguintes premios:

  • O xurado Radar, composto por Jaqui Davies, Ane Rodríguez e Marta Ponsa concédelle o Premio Radar ó mellor filme da sección a Love & Revenge, de Anhar Salem.
  • O Xurado Explora, composto por Becca Voelcker, Andrew Norman Wilson e Ben Rivers, concluíu que o Premio Explora ó mellor filme da sección é para Laika, de Deborah Stratman.
  • O xurado de Planeta GZ, composto por Clara Roquet, Helena Salgueiro e Miren Iza, concluíu que o Premio Galiza ó mellor filme galego é para Memory, de Nerea Barros. O xurado concédelle unha mención especial a Elefante, de Aberte Pagán.
  • O xurado de Penínsulas composto por Clara Roquet, Helena Salgueiro e Miren Iza, concluíu que o Premio Penínsulas á mellor película da sección, patrocinado por RC Service, é para Diez minutos hasta la medianoche, de Mario Sanz. O xurado concédelle tamén unha mención especial a Femer, de Ana Pfaff e Jaume Coscollar.
  • O Xurado Novo, composto por Berto S. Lozano, Maru Astray, Saya Mohamed, Héctor Iglesias e Nico Iglesias, concédelle o Premio do Xurado Novo á mellor curtametraxe a Subtotals, de Mohammadreza Farzad da sección Radar. O xurado, concédelle a mención especial a Camera Test, de Siegfried A. Fruhauf da sección Explora.
  • O Xurado CREA, composto por Daniel Viqueira, Ozo Perozo, Irene Pin concédelle o Premio CREA á Mellor dirección galega a Nerea Barros por Memory.
  • O Premio do Público, patrocinado por Gadis, é para Hideous, de Yann González da sección Radar.
  • Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, é para Ollada noutra Compostela, de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas, Diana Iglesias.