Cunha aposta firme polo cinema na rúa o Curtocircuíto pecha a súa 22ª edición

Cunha aposta firme polo cinema na rúa o Curtocircuíto pecha a súa 22ª edición

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto volveu facer do cinema unha experiencia colectiva e expandida na súa 22ª edición, que tivo como gran protagonista a cidade de Santiago de Compostela. O festival apostou por sacar o cinema fóra das salas e levar as proxeccións e accións artísticas ás prazas e espazos naturais, activando novas formas de encontro entre o audiovisual, a contorna e a cidadanía.


A praza da Quintana acolleu unha das citas máis destacadas: Sirãt Live Soundtrack de Kangding Ray e Oliver Laxe xunto con Adrián Canoura. Unha performance que reuniu a milleiros de persoas nunha intervención visual e sonora de gran impacto. Tamén pisou outros lugares emblemáticos da vila como Praterías ou o Xardín das Pedras que Falan. Escenario de sesións que contaron cunha excelente acollida por parte do público, confirmando o interese por formatos que levan o cinema máis alá da pantalla.


O Curtocircuíto mantivo unha programación que combinou proxeccións, encontros e espectáculos audiovisuais en diferentes espazos da cidade, con artistas como Oliver Laxe, Kangding Ray xunto a Adrián Canoura, Martin Messier ou Amelie Duchow, protagonistas dunha edición centrada na experimentación e na creación contemporánea.


A gala de clausura recoñeceu algunhas das propostas máis destacadas: Quando a terra foge, de Frederico Lobo, levou o Premio Cosmos; Pupa, de Antía Carreira, o Premio Supernova; Furada negra, de Berio Molina, o Planeta GZ; e Portales, de Elena Duque, foi recoñecida como a proposta máis innovadora. O Premio do Público, patrocinado por GADIS, foi para El cuento de una noche de verano, de María Herrera. A cineasta Lucile Hadžihalilović recibiu o Premio Especial Curtocircuíto Atlas pola súa traxectoria.


Desde Proxecta celebramos o labor de Curtocircuíto, un festival que continúa a reinventarse, achegando o cinema á cidadanía e abrindo novas vías para a creación audiovisual galega.