Curtas Festival do Imaxinario pecha a súa 53ª edición con récords de público e unha destacada proxección internacional

Curtas Festival do Imaxinario pecha a súa 53ª edición con récords de público e unha destacada proxección internacional

A 53ª edición de Curtas Festival do Imaxinario rematou cun balance histórico en Vilagarcía de Arousa. O certame superou os 4.000 espectadores en sala e reuniu máis de 25.000 participantes nas súas actividades paralelas, unhas cifras que consolidan o seu crecemento e o seu papel como referente do cinema fantástico e de terror en Galicia.

Entre as actividades máis destacadas estivo Galicia Imaxinaria, unha proposta con proxección internacional que levou o audiovisual galego máis alá das nosas fronteiras e que terá continuidade nas próximas edicións.

Nesta edición, o festival recoñeceu as traxectorias de Paco Plaza e Tomás Hijo, que recibiron os premios honoríficos na inauguración. Na clausura, Diana Peñalver, Arturo Balseiro e Marcus Nispel foron tamén distinguidos, nun acto que incluíu o estreo de A Noite dos Mortos ao Vivo, unha reinterpretación do clásico de George A. Romero con orquestra sinfónica, voces en directo e son en vivo.

En canto á programación, exhibíronse 120 curtametraxes e 31 longametraxes de máis de 35 países, con 12 estreas mundiais e 5 internacionais, reforzando así o seu carácter global.

O xurado, composto por Aida Solé, Pedro Pérez e Heidi Honeycutt, outorgou o premio á mellor longametraxe a The Book of Sijjin and Illiyyin (Indonesia, 2025), dirixida por Hadrah Daeng Ratu, que tamén levou o galardón á mellor dirección. O palmarés completouse con títulos de Canadá, Bélxica, Francia, Vietnam, Brasil e Turquía, e co premio ao mellor curtametraxe galego para Hippocampus, de Xaime Miranda.

Con máis de medio século de historia, Curtas Festival do Imaxinario continúa a expandir o seu universo creativo e a achegar novas olladas ao xénero fantástico. O seu percorrido exemplifica o dinamismo e a variedade de propostas que conforman o ecosistema de festivais agrupados en Proxecta.