Curtocircuíto pecha a súa vixésima primeira edición coa entrega de premios ás películas gañadoras

Curtocircuíto pecha a súa vixésima primeira edición coa entrega de premios ás películas gañadoras

A vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTO remata hoxe cunha gala de clausura celebrada no Teatro Principal coa participación da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Miriam Louzao; a concelleira de Mocidade, María Rozas; a responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo; así como representantes da corporación municipal e das entidades colaboradoras desta edición.

Goretti Sanmartín destacou que “Curtocircuíto é un referente na procura e exhibición de talento audiovisual, galego e internacional. Compostela ten a sorte de contar cun espazo interdisciplinar como este”.

Pola súa parte, o director artístico de Curtocircuíto, agradeceu a todas as persoas que fixeron posible unha nova edición deste festival e explicou que “Curtocircuíto foi un éxito de público… Sentimos unha boa conexión coas asistentes e un grande interese pola programación. Este novo modelo, máis curatorial, tamén está a ser ben recibido pola prensa especializada. Agora necesita tempo para consolidarse, pero tivo un moi bo comezo. Sen dúbida seguiremos a traballar en torno a eixos temáticos que artellan un programa interdisciplinario”.

Esta edición de Curtocircuíto bateu o récord de asistencia nas Seccións Criaturas e Teenage Riot con máis de 1.400 escolares. Esta é unha das apostas do festival para crear novos públicos ao mesmo tempo que os seus contidos se integran nos programas educativos da comarca.

A gala de clausura, que pon fin a unha semana de cinema, música, encontros e sesións especiais, comezou co espectáculo CRISPR, the pattern of life AV a cargo de Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), e rematou coa proxección da película gañadora do Premio do Público. Neste mesmo acto, anunciouse o palmarés desta 21ª edición. Os distintos xurados oficiais de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cinema decidiron outorgar os seguintes premios:

  • Premio Cosmos á mellor película: It Will Be Better Before de Keto Kipiani
  • Premio Cosmos á película máis innovadora: Exit Through the Cuckoo’s Nest de Nikola Ilic
  • Premio Cosmos á mellor película española (patrocinado por RC Service): Las novias del sur de Elena López Riera
  • Premio Supernova: Pura de Carmen Méndez
  • Premio Planeta GZ: Humedalia de Irene Saenz Carballeira
  • Mención especial: La fotografía velada de Sabela Eiriz
  • Premio do Xurado Novo: For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World de Gala Hernández
  • Mención especial: Frialdad de Andrea Sánchez.
  • Premio Cátedra Cruz Roja – USC: Pura de Carmen Méndez
  • Premio #OutraCompostela (patrocinado por Turismo do Concello de Santiago a través de Santiago de Compostela Film Commission): Fontes de Mario Elías Blanco Boullosa e Andrea Rodríguez Regodeveses
  • Premio do Público (patrocinado por GADIS): Las novias del sur de Elena López Riera

Curtocircuíto – Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA).