E TI, QUE PROXECTAS?

E TI, QUE PROXECTAS?

Os festivais de cinema de Galicia agrupados na coordinadora Proxecta levamos xa un tempo aplicando medidas para maximizar o noso impacto positivo na contorna e minimizar o negativo. Coa campaña “E ti, que proxectas?” en 2025 en colaboración co Pacto Cultura Sustentable e co apoio da Deputación da Coruña, queremos transmitir ese compromiso dos festivais co medio ambiente, coa sociedade e coa economía do país, así como envolver ás máis de 150.000 persoas que participan cada ano no conxunto dos eventos Proxecta para axudarnos a facelo mellor. Cultura e cinema para todas as persoas e  polo futuro do planeta.

FESTIVAIS DE CINE para a comunidade #contorna

  • Desde Proxecta priorízase a economía local, tanto na contratación de persoas e servizos como nas compras de subministros.
  • Cando asistes a un festival de cine Proxecta non apoias só o evento, senón que impactas na comunidade e na contorna social, económica e ambiental.
  • O conxunto dos festivais, producidos tanto no ámbito urbano como no rural, colabora con empresas, entidades e asociacións locais; o mellor xeito de sumar recursos e compartir coñecementos.

FESTIVAIS DE CINE para ver, oir, sentir #accesibilidade

  • Desde Proxecta traballamos para recoñecer e eliminar as barreiras que impiden a accesibilidade universal aos eventos. Non deixes de vir aos nosos festivais, se pensas que hai algo que cho impide, contacta connosco.
  • Os equipos dos festivais fórmanse para mellorar a atención a todos os públicos. Imos dando pasos nos criterios de accesibilidade como o subtitulado nos filmes, lingua de signos nas actividades, espazos reservados en interior e exterior para mobilidade reducida, sinalización precisa, etc.
  • O conxunto dos festivais está aberto a reclamacións e suxestións de mellora que consideres que nos axudarán a avanzar, tanto no espazo físico dos nosos festivais como no dixital; aínda queda moito traballo por diante.

FESTIVAIS DE CINE para a creación e a formación #diversidade

  • Desde Proxecta sabemos que o cinema é unha ferramenta creadora e transformadora; de aí a nosa colaboración coa comunidade escolar da contorna.
  • Os festivais de cinema Proxecta apoian a creación galega nas súas convocatorias e programacións sumando visibilidade ao talento local.
  • O conxunto dos festivais é un mapa diverso de xéneros, temáticas, formatos e públicos, no que destacan o papel das mulleres e das novas xeracións; cando participas nun festival Proxecto, puntúas en igualdade, innovación e futuro.

FESTIVAIS DE CINE para reducir e respirar #impactoambiental #residuos #enerxia

  • Desde Proxecta esforzámonos en reducir consumos enerxéticos, eliminar plásticos dun só uso, distribuír auga potable e gratuíta, e empregar materiais reutilizables nos produtos que xeramos.
  • Os festivais de cinema Proxecta promoven o uso do transporte público ou compartido e os desprazamentos a pe; beneficios para a saúde para o peto e para o planeta.
  • O conxunto dos festivais esfórzase nos últimos anos por reducir residuos e emisións de Co2; este obxectivo necesita da túa participación.

Festivais de cine para todas as persoas. Festivais de cine polo futuro do planeta.

“E ti, que proxectas” é un campaña de Proxecta e Pacto Cultura Sustentable que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Peza audiovisual: Julia G. Yánez

Música: Nastasia Zürcher (O impulso)

Para saber máis:

Vídeo YouTube

Asesorías de Sustentabilidade Proxecta 2023

Impactos positivos, proceso, futuro. Informe 2022