Encontro virtual de mulleres do audiovisual: visibilizando referentes e denunciando desigualdades

Encontro virtual de mulleres do audiovisual: visibilizando referentes e denunciando desigualdades

Ana Domínguez, directora do Festival S8 e secretaria da Coordinadora Galega de Festivais (Proxecta), participou no encontro virtual de mulleres do audiovisual galego organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). O evento, que contou coa colaboración da Mesa do Audiovisual Galego (AAAG, AGA, AGAG, AGAPI, CLAG, CREA e Proxecta), tivo lugar o xoves 13 de marzo ás 12.00h e puido seguirse en directo a través da canle de YouTube da AGAG.

O encontro reuniu a seis profesionais de diferentes ámbitos do sector:

  • Arantza Villar, actriz e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
  • Alba Gallego, script, produtora e vogal da Academia Galega do Audiovisual (AGA).
  • Lidia Fraga, guionista, en representación da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).
  • Silvia Fuentes, produtora e vogal da Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI).
  • Mar Varela, xerente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG).
  • Ana Domínguez, directora do Festival S8 e secretaria da Coordinadora Galega de Festivais (Proxecta).


A moderación correu a cargo de Ángela Andrada, guionista, actriz e presidenta de AGAG.

As participantes compartiron as súas experiencias e analizaron os obstáculos que enfrontan no sector: a falta de paridade nos equipos, os prexuízos sobre os tipos de proxectos nos que poden traballar, o impacto do edadismo e do paternalismo, e a presión constante para demostrar a súa valía. Tamén abordaron a escasa presenza de historias protagonizadas por mulleres e a necesidade de ampliar as oportunidades para garantir unha maior equidade na industria audiovisual galega.

A conversa foi unha oportunidade para reflexionar sobre estes retos e poñer en común propostas para avanzar cara a un sector máis igualitario.