Financiamento de festivais de cinema: patrocinio privado
Curso monográfico sobre posibilidades de financiamento alternativo de proxectos dende a iniciativa privada.
Beatriz Fontán impartirá esta formación en liña organizada por Proxecta, que terá lugar o mércores 29 e o xoves 30 de novembro, en horario de 17:00 a 19:30 horas.
Contidos:
- Conectando públicos dos festivais de cinema e das marcas. O dato cualitativo e o valor diferencial.
- Deseño e elaboración de dossieres, propostas e plans de patrocinio, unha relación gaña – gaña.
- Estratexia e técnicas para a defensa de propostas de patrocinio. Escoita activa, co-creación e non-logo.
CANDO: mércores 29 e o xoves 30 de novembro, en horario de 17:00 a 19:30 horas.
ONDE: En liña.
PREZO ASOCIADAS/OS PROXECTA: unha matrícula de balde por festival (1 asociada/o de cada festival) e 8 € para o resto.
PREZO NON ASOCIADAS/OS: 12€.
INSCRICIÓNS: ata o día 24 de Novembro cubrindo este formulario.
Esta é unha actividade subvencionada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.
Biografía de Beatriz Fontán
Máster en Dirección Comercial e Marketing, e Máster en Produción e Xestión Audiovisual, a traxectoria profesional de Beatriz Fontán está vinculada a diversos proxectos culturais. Cumpridos os 18 anos asinou o seu primeiro contrato profesional co Grupo Prisa, experiencia á que seguiu a creación do departamento de cine Mundo Ficción do grupo Unidad Editorial rodando películas como “La mirada violeta” ou “El Lobo”, protagonizadas por Cayetana Guillén-Cuervo ou Eduardo Noriega respectivamente. No ámbito do audiovisual súmase o traballo nas produtoras galegas Filmax, Ficcións Producións, Milú Films e Continental Producións, xunto á produción dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ou a coordinación do Festival Internacional de Curtametraxes “Curtocircuíto” de Santiago de Compostela entre 2006 e 2008.
De 2009 e 2014 asumiu o management do grupo musical galego Berrogüetto. En paralelo á gravación do disco “Kosmogonías” activou o lanzamento do single co patrocinio de Cabreiroá na edición limitada de botellas “Faros de Galicia”, así como a publicación da biografía “O Pulso da terra” (Galaxia, 2011) escrita por Fernando Neira, crítico musical de El País. Dende 2014 realiza a produción creativa e comunicación de Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui; e sumouse á misión do concertista e investigador Samuel Diz na recuperación da expresión artística do exilio republicano de 1939, un traballo de memoria democrática para o que realiza estancias en Francia, Inglaterra, México, Cuba, Porto Rico ou Chile.
A transmisión e mediación do coñecemento é unha das súas principais paixóns, graduándose en Maxisterio e adquirindo coñecementos de Programación Neurolingüística ou metodoloxías hábiles “LEGO Serious Play”. Dende 2014 focaliza este compromiso no Curso de experta/o universitaria/o Xestión e Innovación Cultural da USC como docente e titora en materia de xestión de públicos e patrocinio privado, así como a colaboración con diversos profesionais e PEMES no desenvolvemento de formación, estratexia e comunicación efectiva, no que se enmarca esta formación para a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Proxecta.
Baixo a influencia do nomeador e poeta Fernando Beltrán, en 2015 comezou unha das andainas máis persoais e arriscadas: a creación de www.serapornombres.com , unha axencia de branding especializada na creación de nomes para negocios, espazos, servizos ou produtos. Un proxecto no que toda a experiencia e coñecementos adquiridos se condensan na palabra que une o produto co mercado, o servizo coa persoa.