29 Dec Festivais de cinema e sustentabilidade: aprobado alto en igualdade, accesibilidade física e apoio á economía local
Proxecta, a Coordinadora que reúne 18 festivais de cine de Galicia, fai balance do 2022 e audita os avances sostibles nos ámbitos social, ambiental e económico
Santiago, xoves 29 de decembro de 2022.- Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema que reúne dezaoito dos festivais de cinema do país, fai balance deste 2022 e, alén do impacto social e económico do sector, neste remate do ano pon o foco nos avances conseguidos en materia de sustentabilidade, coa axenda 2030 no horizonte. O estudo “Impactos positivos: procesos, accións, futuros”, que vén de elaborar a Coordinadora co apoio da Deputación da Coruña, recolle e analiza as accións levadas a cabo polos festivais durante 2022 no marco do Pacto Cultura Sustentable, que reúne trinta e dous proxectos culturais de Galicia. Máis alá de intencións, o estudo analiza o grao de cumprimento real de obxectivos sustentables por parte dos e das asociadas de Proxecta, con catro grandes obxectivos: eliminar barreiras de accesibilidade, plásticos dun só uso, medir a pegada de CO2 e identificar os grupos de interese. Catro materias nas que os eventos cinematográficos galegos conseguen unha boa nota tras o esforzo conxunto dos últimos anos.
Aprobados altos e materias pendentes
O informe, que propoñía un total de noventa accións sociais, ambientais e económicas sustentables para que os festivais de cinema impacten de maneira positiva na contorna e no planeta, conclúe “sen ningunha dúbida” que estes eventos están comprometidos coa sustentabilidade e que os diferentes equipos organizativos teñen claro que cultura e desenvolvemento sostible son dúas caras dunha mesma moeda. O presidente de Proxecta, Ángel Sánchez – á vez codirector do Festival Play-Doc de Tui- reseña o estudo “como unha oportunidade para poñérmonos un espello diante, avanzar e contaxiar os nosos aliados”.
Aínda que hai por diante terreos con pouco camiño emprendido, o estudo destaca a presenza de mulleres nos equipos de organización e nas programacións. Tamén o afán por deseñar eventos accesibles, aínda que polo de agora centrados na accesibilidade física e con pouca profundidade en temas como a accesibilidade auditiva ou visual. “Os festivais de cinema non son quen de escapar do que establece a nosa sociedade a diario: unha contorna, se non hostil, disuasoria para milleiros de persoas con capacidades diferentes”, apunta o estudo.
No ámbito medioambiental, os festivais analizados non teñen un impacto tan significativo como outros eventos pola súa propia dimensión ou, na maioría das ocasións, o seu carácter indoor. A maior parte dos festivais desenvolven a súa actividade en instalacións que non son da súa titularidade ou xestión directa, circunstancia que condiciona as súas accións e resultados nesta materia. O estudo de Proxecta destaca a mellora da recolla selectiva de residuos nos últimos tempos e detecta aínda un gran descoñecemento no campo das enerxías por parte dos festivais. En relación co impacto dos eventos na economía da contorna, dúas estratexias obteñen moi boa nota nesta auditoría de sustentabilidade: o traballo con empresas locais e a contratación de artistas, cineastas e investigadores galegos.
Porén o estudo recomenda non só identificar aliados, senón afondar no diálogo con eles: veciñanza, administracións, asociacións, cineastas e medios de comunicación, empresas provedoras, patrocinadores, etc, para compartir obxectivos de sostibilidade.
Maior financiamento para continuar avanzando na sustentabilidade
Por que os festivais de cinema non conseguiron levar a cabo todas as accións propostas para 2022? As respostas dos eventos son, fundamentalmente, catro: falta de orzamento, formación, tempo e persoal para levalas a cabo. “Catro motivos en aparencia diversos que están conectados e poderían englobarse nun só: o primeiro deles”, indica o informe de Proxecta. Entre as recomendacións do estudo, fomentar máis formación en sustentabilidade en todos os equipos de traballo dos eventos, espallando os obxectivos cara entidades colaboradoras e provedores. Tamén se conclúe que o campos dos residuos e das enerxías continúa a ser un espazo no que afondar e aprender máis. “Malia que os festivais de cinema non teñen os mesmos impactos negativos no medioambiente que outros eventos culturais másivos realizados ao aire libre, isto non nos exime de implementar melloras de redución e eficiencia en todo o relacionado con enerxía e residuos”, sinalan en Proxecta.
Informe sectorial
Forman parte da coordinadora Proxecta: Carballo Interplay (Carballo), Cineuropa (Santiago de Compostela), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtocircuíto (Santiago de Compostela), Chanfaina Lab (San Sadurniño), FanCine de Lemos (Monforte), Festival de Cans (O Porriño), Festival de Cinema Inclusivo de Vigo (Vigo), Festival Internacional de Curtas de Verín (Verín), Festival RiR (Allariz), FIC Bueu (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Intersección (A Coruña), MICE Museo do Pobo (Santiago de Compostela), Mostra Mares da Fin do Mundo (Outes), Novos Cimenas (Pontevedra), Play-Doc (Tui) e S8 Mostra de Cinema Periférico (A Coruña). O informe levouse a cabo a análise coa información e datos do 70% dos festivais.