Proxecta impulsa a formación en Intelixencia Artificial para profesionais dos festivais de cinema

Proxecta impulsa a formación en Intelixencia Artificial para profesionais dos festivais de cinema

A intelixencia artificial está a transformar o xeito na que vivimos e traballamos. Ferramentas como Canva ou Chat GPT aséntanse cada vez máis no noso día a día, malia que non sempre saibamos sacarlle o máximo rendemento. A gran maioría de persoas aínda descoñece realmente o que é unha Intelixencia Artificial. Seguimos téndolles moito respecto e non sempre sabemos o que implica ou non o seu uso.

Dende PROXECTA, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, poñemos en marcha esta “Formación en Intelixencia Artificial para Festivais de Cinema” porque cremos que, como profesionais, temos a necesidade -e o deber- de actualizar os nosos coñecementos para axilizar os procesos de traballo e optimizar así o noso tempo e os nosos recursos.

A formación, impartida polo experto en IA Javier Mendoza, abarca aspectos clave para os festivais, como a automatización de tarefas rutineiras (xestión de cronogramas e proxectos), a creación de contido promocional, a interacción co público a través das redes sociais e a personalización de textos e imaxes para eventos. Ademais, abordarase o uso da IA para mellorar a accesibilidade nas comunicacións e na promoción dos festivais, así como para xestionar de forma máis eficiente os convidados ou as enquisas de satisfacción do público.

Ademais das temáticas que se impartirán nas dúas sesións online, as persoas inscritas terán acceso a un Aula Virtual no que poderán ampliar información ao redor das diferentes técnicas e ferramentas de Intelixencia Artifical plantexadas.

A formación terá lugar de xeito online os días 13 e 20 de novembro. Non require experiencia previa no uso destas tecnoloxías. Con aforo limitado, trátase dunha excelente oportunidade para que as equipas asociadas a PROXECTA descubran o potencial da IA no seu traballo cotián, mellorando a eficiencia na organización de festivais.

É preciso inscrición previa a través deste enlace. A organización porase en contacto con cada persoa inscrita para facilitar toda a información necesaria para conectarse ás sesións.

A formación é de balde para unha persoa por festival asociado a Proxecta, o resto deberán pagar 10 €. En caso de non estar asociado a Proxecta o custo serán 15 € por persoa. A información de pagamento enviarase a través de correo electrónico tras confirmar a inscrición.

Primeira sesión. Mércores, 13 de novembro. De 17h a 19h
1. Introdución á IA
Que é a IA e como pode axudarnos na xestión e promoción de festivais? Exemplos prácticos en tradución, creación de estratexias, accesibilidade, resumos, entre outros.
2. Ferramentas básicas de IA
Introdución a ChatGPT, Canva e outras ferramentas útiles.
Práctica: Creación dun cartel para un festival empregando Canva e IA.
3. Como interactuar coa IA
Técnicas de prompting e exemplos de como xerar mellores resultados en textos e imaxes.
4. Estratexias de redes sociais con IA
Redución do tempo nas creatividades e xeración de contido visual e textual.
Práctica: Xerar unha estratexia básica de redes sociais.

Segunda sesión. Mércores, 20 de novembro. De 17h a 20h
1. Xestión de proxectos e cronogramas con IA
Práctica: Configurar un calendario de tarefas para a organización dun festival.
2. IA na interacción co público e xestión de convidados
Práctica: Crear unha enquisa e analizar resultados con IA.
3. Evitar a “linguaxe Chat GPT”
Revisión e personalización de textos xerados por IA.
4. Medos artísticos fronte á IA
Breve discusión sobre o papel da IA no ámbito creativo.
5. Ferramentas avanzadas para festivais
Introdución a ferramentas como Pixlr, Freepik e DALL·E.
Práctica: Xeración de imaxes personalizadas para un evento.