04 Dec Formación: Recursos humanos aplicados a festivais de cinema
PROXECTA impulsa unha nova sesión formativa pensada para reforzar unha das áreas máis esenciais dentro de calquera festival: a xestión de persoas e equipos. Cun enfoque práctico e aplicado á realidade dos eventos culturais, esta formación de tres horas ofrece ferramentas para mellorar a organización interna, optimizar a comunicación entre áreas e afrontar situacións críticas que xorden durante a celebración dun festival.
Data: Martes 16 | 16:30h
Duración: 3 horas
Por que unha formación en xestión humana?
Os festivais de cinema funcionan como organismos vivos nos que conviven profesionais de múltiples áreas, equipos técnicos, programación, comunicación, voluntariado e invitados. Neste contexto tan dinámico, saber coordinarse, comunicar de forma clara e actuar baixo presión convértese en algo fundamental.
Esta xornada abordará cuestións clave como:
- Identificar os perfís que forman parte dun festival e entender como se relacionan.
- Aplicar a Matriz RACI para definir responsabilidades e facilitar a toma de decisións.
- Mellorar a comunicación interna con mensaxes eficaces e directas.
- Priorizar tarefas e actuar con criterio en momentos críticos.
- Coidar e organizar o voluntariado.
- Resolver conflitos entre áreas ou con público e convidados.
- Coñecer as figuras laborais máis habituais no sector audiovisual e nos eventos culturais.
Que imos traballar?
A formación inclúe exemplos reais e contidos adaptados á realidade galega, dende a coordinación operativa ata nocións básicas de relacións laborais e tipoloxías de contratos. O obxectivo é ofrecer unha visión clara, práctica e utilizable dende o primeiro día nun festival.
Docente convidada
A sesión estará impartida por Goretti Diéguez Castiñeira, profesional especializada en xestión de persoas, talento e desenvolvemento organizacional. Conta cunha ampla traxectoria en asesoría laboral e dirección de persoas, é Practitioner en Programación Neuro-Lingüística e actualmente exerce como Directora de Desenvolvemento e Xestión de Talento no Grupo Educativo EFBS, ademais de ser docente universitaria.
Para quen é?
Para profesionais de festivais de cinema e do sector cultural que queiran mellorar a súa forma de colaborar, liderar equipos —desde calquera posto—, comunicarse con máis claridade e sumar nun contexto de traballo intenso e en constante movemento.
Inscrición e prezos
Esta formación forma parte do calendario anual de accións de PROXECTA, pensadas para reforzar capacidades e fomentar un espazo común de aprendizaxe entre festivais galegos.
A participación nesta formación conta cas seguintes condicións:
- Gratuíta para unha persoa por festival asociado a PROXECTA.
- 10 € para o resto de persoas asociadas.
- 15 € para público xeral.
Queres participar? Completa este formulario para apuntarte.