16 Feb Festivais de cinema de Galicia: máis de 150.000 espectadores e compromiso co audiovisual do país e coa economía local
Os 18 eventos adheridos a Proxecta mobilizaron en 2022 ao redor de 1,7 millóns de euros en investimento cultural
Santiago, xoves 16 de febreiro de 2023.- Máis de 150.000 espectadores, ao redor de 1.700.000 euros investidos e 300 proxeccións de cinema galego. Estes son algúns dos números que se inclúen no balance de impacto dos festivais de cinema adheridos a Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, en 2022. Alén das cifras económicas e de asistencia, os festivais de cinema volveron a demostrar o seu compromiso como xeradores de emprego, activadores das economías locais, implicados na atracción dun turismo cultural sustentable e aliados inequívocos da creación audiovisual galega.
O informe da Coordinadora Proxecta recolle datos sobre os dezaoito festivais adheridos durante 2022: Carballo Interplay (Carballo), Cineuropa (Santiago de Compostela), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtocircuíto (Santiago de Compostela), Chanfaina Lab (San Sadurniño), FanCine de Lemos (Monforte de Lemos), Festival de Cans (O Porriño), VIIFF Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Vía XIV Festival Internacional de Curtas de Verín, Festival RiR (Allariz), FICBUEU (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Intersección (A Coruña), MICE Museo do Pobo (Santiago de Compostela), Mostra Mares da Fin do Mundo (Outes), Novos Cinemas (Pontevedra), Play-Doc (Tui) e (S8) Mostra de Cinema Periférico (A Coruña). Ademais de destacar os datos de participación de espectadores nos eventos, o informe subliña o impacto dos mesmos na economía local e que “cada ano son máis numerosas as iniciativas postas en marcha nas programacións dos festivais coa comunidade educativa e con colectivos de risco e exclusión social”.
Para o cinema de Galicia, os festivais Proxecta tamén debuxan un espazo necesario; máis de 300 proxeccións de cinema galego en 2022 alén de encontros con creadores, laboratorios e actividades de formación audiovisual. Para as persoas que conforman a profesión os festivais son un punto de encontro e, tamén, a oportunidade de interacción con cineastas doutras latitudes. Atopamos en practicamente todos os festivais a súa condición de plataforma de apoio á promoción de novos talentos, non só en exhibición, senón con iniciativas que os sitúan como cómplices en novas creacións e producións audiovisuais.
O informe de impacto 2022, realizado co apoio da Deputación da Coruña, destaca o aliñamento dos festivais Proxecta coa comunidade local e cos colectivos non sempre atendidos nas políticas culturais así como cos públicos novos, que teñen un lugar especial de participación. Así mesmo este informe apunta que, no seu conxunto, os festivais de cinema son un referente dentro do sistema cultural galego no compromiso coa Axenda 2030 e co desenvolvemento sustentable, “polo avanzado xa, pero tamén polo afán constante de mellora”. A finais de 2022 Proxecta publicou na súa web unha memoria de análise das accións sustentables levadas a cabo polos festivais ao longo do ano.
O informe completo pode descargarse aquí.