Informe Proxecta: asesorías de sustentabilidade

11 de decembro de 2023.- Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, dá un paso máis no camiño conxunto cara ao desenvolvemento sustentable e o cumprimento dos obxectivos establecidos na Axenda 2030. Para iso, neste 2023 levamos a cabo un proxecto de asesorías de sustentabilidade para os festivais asociados.

 

Trala adhesión ao Pacto Cultura Sustentable, en 2022 realizamos o informe IMPACTOS POSITIVOS: PROCESOS, ACCIÓNS, FUTUROS, que deixaba ver aqueles puntos fortes e aqueloutros aínda en proceso de mellora na consecución de eventos sostibles, dende o punto de vista medioambiental, social e económico. O informe incluía información proporcionada polos propios festivais ao redor de 90 accións propostas para 2022 e 10 indicadores de medición ao redor de catro obxectivos: identificar as barreiras que impiden a accesibilidade universal aos eventos, eliminar o 100% dos plásticos dun só uso, medir a pegada de CO2 e identificar os grupos de interese. Agora, neste 2023, dende Proxecta decidimos avanzar un chanzo máis: superar a fase de diagnose e identificación, e acompañar a implementación de medidas de mellora.

 

O proxecto de asesorías 2023, subvencionado no caso dos festivais que teñen lugar na provincia da Coruña pola Deputación da Coruña, permitiu aos equipos dos festivais seguir formándose en sustentabilidade, ademais de poder consultar e solventar dúbidas e problemáticas concretas no desenvolvemento da súa estratexia de sustentabilidade. Realizado por Arancha Estévez (doutora en Ciencias da Comunicación pola USC, especializada na Universidade da Coruña en Sustentabilidade e innovación social) e María Baqueiro (enxeñeira de formación e consultora de sustentabilidade e promotora do PACTO CULTURA SUSTENTABLE de Galicia) e coa participación dun panel de expertas composto tamén por Giada Calvano (cofundadora de Chloe Sustainability, investigadora e doutoranda do programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona), Pablo Galindo (doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada e autor xunto con Diego Ferrón, da Guía de Accesibilidade e Inclusión en Festivais de Música en España) e Jone Pérez (enxeñeira química de formación, compaxina o labor de asesoramento a empresas en xestión sustentable coa colaboración con A Greener Future).

Visita das expertas aos festivais participantes no marco da asesoría

Unha estratexia de traballo dos festivais de cinema conxunta, en alianza e con paso firme para seguir deseñando espazos sustentables dende o sector cultural galego.

 

O resultado completo do informe pode lerse aquí.  

Accede aquí ao informe específico dos festivais da provincia da Coruña.