27 Nov INTERSECCIÓN pecha a súa sétima edición cunha gran acollida e recoñecemento internacional
Durante seis días, o festival INTERSECCIÓN converteu A Coruña no epicentro do cinema de vangarda, ofrecendo películas, coloquios, actividades e charlas. A súa sétima edición culminou coa gala de entrega de premios, recoñecendo o talento e a innovación das pezas exhibidas.
Palmarés oficial:
Premio do Xurado da Sección Internacional: Histoires sans lion, de Vital Z’Brun.
Premio a Curtametraxe Española da Sección Internacional: Gritaré sobre tu tumba, de María Cañas.
Premio do Xurado da Sección Galicia: Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño.
Premio do Xurado da Sección Escolas: Ei, Temi, de Marta Aguilella, Arnau Belloc e Jesús Minchón.
Premio do Xurado Novo: Delincuente, de Alba Domínguez.
Premio do Público: Pliegue tectónico + Un cuadro con subtítulos, de Carlos Fer.
Premio Contemporánea: A fotografía velada é espazo para unha proposta de memoria, de Sabela Eiriz.
Premio Numax Exhibición: Platónico, platónica, de Xacio Baño.
Premio MAV: Delincuente, de Alba Domínguez.
Éxito de asistencia e ampliación de espazos
Esta edición foi histórica en termos de público, rexistrando un récord de asistencia grazas á ampliación de sedes, como a incorporación de Cantones Cines. Gonzalo E. Veloso, director do festival, destacou: “Estamos moi felices; o público respondeu de maneira excepcional ás nosas propostas”.
Unha das grandes apostas deste ano foi a creación de NEXUS, o espazo dedicado á industria audiovisual. Nos seus programas FORO, ÁGORA e LAB, profesionais de Arxentina, Costa Rica, Portugal, Italia, Francia ou Rumanía, entre outros, participaron para fortalecer o tecido da industria audiovisual.
“Os festivais de cinema deben ser moito máis que espazos de proxección. Con INTERSECCIÓN NEXUS buscamos crear un lugar necesario tanto a nivel galego como nacional para construír unha industria saudable e conectada”, sinalou Veloso.
INTERSECCIÓN pecha así unha edición marcada pola innovación, a participación e o fortalecemento do sector audiovisual.