Máis de 8.000 persoas participaron nun histórico (S8) que celebrou a súa edición máis internacional e colocou aos novos talentos en primeiro plano

A recuperación total da presencialidade traduciuse en máis de 8.000 visitantes á Mostra que tiveron a oportunidade de gozar en exclusiva de 55 estreas internacionais e 47 en España.

Entre os momentos máis relevantes cabe destacar a gran afluencia de público ás sesións de Amy Halpern, o cinema en primeira persoa de Ute Aurand, a beleza plástica do cinema de Alexandre Larose, e a experiencia do cinema en tempo real que levaron a cabo no acto de clausura Leah Singer e Lee Ranaldo.

O festival impulsou como nunca antes o seu espazo de formación, de creación e de exhibición de proxectos das xeracións máis novas cunha sección Sinais renovada, a consolidación da sección Paraíso -dedicada a alumnado universitario- e a continuación de INPUT, en colaboración coa Fundación Luis Seoane.

10 de xuño do 2022. – O pasado domingo o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña puxo fin á súa décimo terceira edición, que recuperou por fin a completa presencialidade nas súas xa habituais sedes de Palexco, Domus e a Fundación Luis Seoane e na súa recentemente inaugurada nova sede do Porto da Coruña da que todos os asistentes destacaron “as súas magníficas cualidades para a exhibición cinematográfica”. Todas elas foron visitadas por case 8.500 persoas durante os dez días da súa celebración, nos que A Coruña se converteu en referencia mundial da creación cinematográfica de vangarda.

Ademais de poder contar de novo na cidade con convidados e convidadas internacionais como Lee Ranaldo, Leah Singer, Amy Halpern, Ute Aurand, Alexandre Larose, Dianna Barrie, Richard Tuohy ou Philipp Fleischmann, a esta décimo terceira edición da Mostra asistiron máis dun centenar de profesionais procedentes de países como Australia, Irlanda, Italia, Estados Unidos, Canadá, Chile, Arxentina, México, Brasil, Perú, Alemaña, Letonia, Austria, Francia, Reino Unido, Portugal, Bélxica, Francia e tamén doutros puntos de España como Madrid, Cataluña, Andalucía, Asturias, País Vasco, Cataluña, Castela e León, Castela a Mancha ou a Comunidade Valenciana.

Como momentos máis impactantes para os asistentes, cabe destacar a gran afluencia ás sesións de Amy Halpern, que deixou unha gran pegada na audiencia a través do seu cinema de profundidade; o cinema en primeira persoa de Ute Aurand; a beleza plástica do cinema de Alexandre Larose; e a experiencia do cinema en tempo real que levaron a cabo no acto de clausura Leah Singer e Lee Ranaldo.

A film performance, un dos buques insignia da Mostra, estivo este ano protagonizada por Healing Ray, de Jorge Suárez Quiñones e YLIA; Gold Film, de Deneb Martos e Wade Matthews e unha triloxía de performances a cargo de Dianna Barrie e Richard Tuohy. No marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas, Cervezas Alhambra volveu apoiar, por terceiro ano consecutivo ao (S8), convertendo a sección Desbordamientos nun punto de encontro no que maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais.

Estamos a falar, sen dúbida, da edición máis internacional da Mostra de Cinema Periférico da Coruña, na que se estrearon 55 obras a nivel internacional e 47 en España, e que acolleu durante a súa celebración a representantes de festivais de todas as partes do mundo: Experiments in Cinema (EUA), Workman arts (Canadá), Berlinale (Alemaña), Process (Letonia), Valdivia International Film Festival (Chile), A.I.E.F.F – Australian International Experimental Film Festival (Melbourne. Australia), Festival de Málaga (España), SACO – Oviedo (España) e PROYECTOR – Madrid (España).

A didáctica, punta de lanza dun (S8) renovado

Nesta décimoterceira edición púxose en marcha por primeira vez unha acreditación para estudantes e, ademais, contouse con representación dos seguintes espazos educativos: Schule Friedl Kubelka (Viena-Austria), Universidade de Vigo – Facultade de Belas Artes de Pontevedra (España) Universidad de Salamanca – Facultad de Bellas Artes (España), Universidad de Cuenca – Facultad de Bellas Artes (España), Master LAV (Madrid-España), Elias Querejeta Zinema Eskola (San Sebastián- España) e Escola de Imaxe e Son da Coruña (España).

Isto pon de manifesto a aposta do festival por traballar desde o presente cara ao futuro. “Despois de abrir o festival aos novos talentos comprobamos que desde o (S8) axudamos a construír o cinema do futuro, non recollendo resultados, senón axudando a xeralos. Sentimos unha enerxía renovada para impulsar e acompañar a transformación e os cambios da creación cinematográfica contemporánea”, afirma Ángel Rueda, codirector do evento.

A Mostra contou cunha sección Sinais totalmente renovada, poñendo o foco en cineastas do ámbito galego, estatal e internacional e prestando atención a case unha vintena de creadores e creadoras que cuestionan e rompen os parámetros do cinema contemporáneo. Entre eles atopáronse nomes como Aura Vega, Álvaro Feldman, Claudia Pineda, Carla Andrade, Inês Lima, Saru Miras, NUCBEADE ( Quiela Nuc e Andrea Beade), Concha Barquero e Alejandro Alvarado, Jaione Camborda, Helena Estrela, Claudio Sodi, Marta Valverde, Sol Mussa, Tamara Goberna, Maria Pipla ou Claudia Negro. Tamén se consolidou a sección Paraíso, un punto de concentración do futuro do cinema experimental a través dun encontro de alumnas e docentes das facultades de Belas Artes da Universidade de Vigo e da Universidad de Salamanca.

Ademais, o (S8) continuou exercendo como impulsor de proxectos cinematográficos en desenvolvemento en INPUT, un espazo de titorización e asesoría que leva a cabo en colaboración coa Fundación Luís Seoane. Nel Lur Olaizola; Vanja Milena Munjin Paiva, e Concha Barquero, asesoraron os proxectos Film Quilt, de Sofía Blanco; Como un buzo muerto en el ojo de Dios, de Rafael Guijarro e La peli del disco duro, de Claudia Negro.

A Mostra fomenta tamén a creación en formatos analóxicos a través do programa de residencias artísticas BAICC, ao que aínda se poden enviar proxectos ata o próximo 19 de xuño para participar na súa sexta convocatoria. Neste programa o ( S8) une forzas con Acción Cultural Española (AC/E) e a Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.

Sumado a isto, a Mostra reforzou como nunca o seu departamento de didáctica apostando por crear novos públicos á hora de difundir a creación cinematográfica de vangarda con proxeccións organizadas para máis de 300 escolares procedentes de centros educativos como o IES Urbano Lugrís, o IES Ramón Otero Pedrayo, o CEIP Concepción Arenal, o CEIP Sanjurjo de Carricarte, o IES Ramón Menéndez Pidal ou IES Eusebio da Guarda.

Punto de encontro internacional para profesionais

O (S8) tamén funcionou nesta edición como punto de encontro profesional a través do seu Observatorio, a parte do festival dedicada a reflexionar sobre distintas cuestións importantes para a Mostra e o sector que se dividiu nesta ocasión en dúas sesións. En “Entre o feixe de luz e a pantalla. Programar cinema experimental hoxe” Angelika Ramlow -Berlinale (Berlín, Alemaña)-, Ieva Balode -directora do festival Process (Riga, Letonia)-, Bryan Konefsky – Experiments in Cinema (Albuquerque, Novo México, EE. UU.)-, e Scott Miller Berry -Workman Arts (Toronto, Canadá)-, puxeron sobre a mesa como se enfronta a programación de salas e festivais a día de hoxe.

No segundo dos encontros, a “Mesa Proxecta. A inclusión social nos festivais de cinema” na que participaron, por unha banda, algúns festivais como o (S8) e o Festival de Cinema Inclusivo de Vigo e, por outro, representantes das asociacións que traballan directamente con colectivos en risco de exclusión social como a Fundación Adcor, Asperga, a Fundación Emalcsa e Asociación Poten100mos.

A Mostra continuará coa súa actividade neste ámbito na Fundación Luis Seoane os próximos 17, 18 e 19 de xuño a través do seu taller XPRESA, que utiliza a creación cinematográfica como motor de inclusión social e que será impartido nesta ocasión pola recoñecida directora, produtora e guionista Ainhoa Rodríguez.

Apoios

A décimo terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación ese8 co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía das Artes Audiovisuais do goberno de España ICAA como parte do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia e o programa Next Generation da Unión Europea.


Ademais, a invitación para a participación de Philipp Fleischmann (director da Schule Friedl Kubelka, Austria), Angelika Ramlow ( project manager de Arsenal – Institute for Film and Vídeo Art, Alemaña), Bryan Konefsky (director de Experiments In Cinema, EEUU), Ute Aurand (produtora e programadora especializada no cinema contemporáneo), Scott Miller Berry (director de Workman Arts, Canadá), Ieva Balode (directora de Process – Experimental Film Festival, Letonia), Vanja Milena (programadora do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia, Chile), Amy Halpern (creadora, programadora e docente na U.S.C., Los Ángeles) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.


Cabe descatar que a Mostra puido beneficiarse tamén do mesmo programa na súa modalidade de mobilidade, que ten o propósito de que as entidades culturais estranxeiras conten con artistas, profesionais e creadores españois na súa programación, viaxando ata Italia para presentar o programa “La mecánica de la luz” dentro da programación do festival Nomadica.