Máis de 3.000 persoas participaron na novena edición do Galician Freaky Film Festival

Máis de 3.000 persoas participaron na novena edición do Galician Freaky Film Festival

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) pechou a súa novena edición cun novo récord de asistencia, superando as 3.000 persoas ao longo dos nove días de programación. O certame vigués continúa a medrar tanto en público como en número de actividades, consolidándose como un punto de encontro para amantes do cinema fantástico.

Celebrado entre o 19 e o 27 de setembro, o festival converteu a Praza Elíptica de Vigo e os cines Tamberlick nun espazo de convivencia cinematográfica, combinando proxeccións, coloquios, gastronomía, exposicións, unha feira temática e actividades para todos os públicos. A súa clausura estivo marcada por unha multitudinaria sesión dedicada a The Rocky Horror Picture Show, que esgotou entradas e sorprendeu ao público cunha performance sorpresa.

A Selección Oficial, composta por 74 curtametraxes de 34 países, reafirmou o carácter internacional do GFFF e a súa aposta pola diversidade creativa. O xurado internacional outorgou o Gran Premio GFFF á curta polaca Marty’s Guidebook, mentres que o Premio do Público recaeu na produción checa Humanity. Ademais, o público tamén participou activamente na elección dos premios temáticos e no primeiro Concurso de Tapas Fantásticas, que implicou varios establecementos da cidade.

Entre as actividades máis destacadas desta edición figuran a homenaxe ao actor vigués Luis Barboo, a presentación en primicia de Decorado, a nova longametraxe do cineasta Alberto Vázquez, e o encontro Irmandades do Norte, apoiado pola Vigo Film Office, que reuniu a representantes de sete festivais de xénero da península para fortalecer vínculos e compartir experiencias.

O Pequefreak, sección dedicada ao público infantil, celebrouse por primeira vez en dúas xornadas e acadou cifras récord de participación, consolidando o labor do festival na formación de novos públicos.

Con presenza de cineastas procedentes de Xapón, Australia, Suíza, Estonia, Rusia, Canarias e toda a península, o GFFF 2025 confirma a súa proxección internacional e o seu papel dinamizador dentro da rede de festivais galegos.

Desde Proxecta, celebramos o éxito desta novena edición, que segue a reforzar o compromiso do Galician Freaky Film Festival coa creatividade, o intercambio cultural e o impulso do audiovisual fantástico feito desde Galicia.