A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que promove o Museo do Pobo Galego celebrouse entre o 28 de marzo e o 2 de abril.

A entidade museística fixo balance desta décimo sétima edición mostrando a súa “satisfacción de ter levado adiante a súa celebración un ano máis en condicións aínda incertas” e “no esforzo do equipo do festival e da súa directora que lograron mantelo incluso durante a pandemia”.

A 17ª MICE, que tivo como eixo temático o traballo tratado desde distintas ópticas, programou 37 filmes de diversas nacionalidades (14 de autoría galega) e contou con programación específica para os centros escolares e centros socioculturais nos barrios de Conxo e Fontiñas en Santiago de Compostela . Esta constituíuse ao redor dunha selección de curtas realizadas por rapazada no festival audiovisual escolar Olloboi. Ademais das proxeccións, a MICE contou con varias actividades formativas, debates, música, e unha exposición, Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen. Todo nunha edición na que tamén houbo contidos para a contorna dixital.

Nesta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego o Xurado concedeu o Premio MICE ao Mellor Filme ao retrato do alemán Benjamin Rost sobre a minería de diamantes en África do Sul, A Portrait On The Search For Happiness. O Mellor Filme Galego foi  El último de Arganeo, do galego David Vázquez. O xurado internacional quixo facer unha Mención de Honra a  Pedra patria, de Maciá Florit un filme de que destaca pola intensidade e tratamento de temas tan universais como a migración e a identidade desde a historia persoal.

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu no filme francés Pour Votre Confort Et Votre Sécurité, de Frédéric Mainçon.  Tamén o xurado AGANTRO quixo facer unha Mención de Honra para Room Without a View, da cineasta catalá Roser Corella. O Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para a película Paraíso de Marina Lameiro e Maddi Barber e o Premio do Público foi para Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro.

Con máis de dous millares de persoas que asistiron ás distintas actividades do festival, a organización mostra a súa satisfacción pola “participación de público novo” e polo número e calidade de obras que optaron á entrar na sección oficial. Tamén destacan a presenza do festival en Londres da man do Galician Film Forum e a rede de colaboracións, que é un elemento que consolida a MICE como referente no campo da antropoloxía visual e como punto de encontro de axentes sociais e culturais, entre outras, a Asociación Galega de Antropoloxía, o Cineclube de Compostela,CREA, o Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago , o Atlantic CultureScape da Universidade de Vigo, ou os festivais Espiello (Huesca), Etnovidegráfica (Zamora) e Family Film Project (Porto).

Agradecen o apoio e a presenza de cineastas como Margarita Ledo, Marcos Nine, Ferrán LLagostera, Adriana Vila Guevara ou Ferrán LLagostera, entre outros.

Desde a organización, tamén fan balance dunha das bases estratéxicas que é a reinversión económica no territorio. A maior parte do orzamento da MICE quédase en Galicia con prioridade nos proveedores e profesionais da comarca de Compostela, que representan o 95% do total. Unha sólida base fundamentada no talento, a capacidade e a profesionalidade local que sirve tamén de escaparate para o sector.