O apoio da Xunta de Galicia ao sector dos festivais de cinema, a debate no Parlamento galego

  • O grupo parlamentario do PSdeG presentou unha proposición non de lei instando á Xunta a incrementar a contía das axudas dirixidas a festivais do sector audiovisual.
  • O BNG xa demandara maior apoio do Goberno galego ó labor de difusión e visibilización do audiovisual que supoñen os festivais de cinema.
  • Só un 3% dos 7,3 millóns de axudas directas da Xunta ao sector audiovisual en 2022 foron destinadas aos festivais de cinema.

 

Santiago de Compostela, a 14 de xullo de 2023.- O impacto social e económico dos festivais de cinema e o apoio que reciben por parte da Xunta de Galicia centraron o debate na última reunión  da Comisión 4ª de Cultura do Parlamento galego. Foi a raíz dunha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario socialista, na que se instaba ao Goberno galego a incrementar a partida orzamentaria de axudas dirixidas a festivais do sector audiovisual ata, cando menos, duplicar o importe de 2023, ademais de abrir nesta anualidade unha liña extraordinaria de axudas para o sector e elaborar un estudo de impacto económico semellante aos xa realizados para outros ámbitos. Unha iniciativa dos socialistas galegos xurdida a raíz das conversas establecidas nos últimos meses pola Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Proxecta, cos tres grupos parlamentarios.

 

A deputada socialista Noa Díaz argumentou a necesidade das medidas reclamadas polo feito de que os festivais de cinema son “un sector fundamental para a cultura do país e tamén para ese desenvolvemento social e económico”. En palabras da deputada: “Son espazos de encontro para profesionais, público e outros axentes sociais e culturais. Serven como plataforma de apoio ao talento e creación do país e de exhibición e difusión de obras que non forman parte dos circuítos comerciais. Pero son ademais tamén impulsores da economía local, do emprego, do turismo alí onde se desenvolven e axudan a tecer redes en torno á cultura e á creación de novos públicos”. Razóns polas cales, segundo expuxo Noa Díaz no Parlamento, “non parece razonableque do total das axudas que a Xunta de Galicia destinou ao ámbito audiovisual en 2022 -7,3 millóns de euros- só o 3% fosen para os festivais de cinema -210.000 euros-. Unha cifra mesmo “inferior ao que achegan moitos concellos e deputacións”. A deputada criticou tamén o feito de que o Goberno galego deixase o sector fóra do “Hub audiovisual da industria cultural’.

Na mesma liña se manifestou a parlamentaria do BNG Mercedes Queixas, quen xa no mes de febreiro formulara unha pregunta parlamentaria ao director da Agadic, Jacobo Sutil, en relación co apoio do Goberno galego ao sector. Segundo Queixas, “entre febreiro e xullo non mudou absolutamente nada na política cultural desenvolvida nin dende Agadic nin dende o conxunto da Consellería de Cultura vinculada co desenvolvemento dos festivais de cinema e nomeadamente respecto de Proxecta”. É por iso que a deputada nacionalista volveu amosar a “preocupación” do seu grupo parlamentario polo “insuficiente apoio do Goberno galego a un sector que é un referente do sistema cultural e que presenta un impacto social e económico anual altamente positivo en cifras, a nivel cuantitativo e tamén cualitativo”.

 

Máis de 300 proxeccións de cinema galego con máis de 150.000 espectadores e 1,7 millóns de euros investidos. Son algunhas das cifras que deixaron en 2022 os 18 festivais que integran a coordinadora Proxecta. Amais deses datos, a voceira nacionalista apuntou que os festivais aglutinados ao redor de Proxecta son fundamentais tamén porque de non existir, “a maior parte do novo talento, o das novas e novos creadores, non tería ningún escenario, ningunha oportunidade de exhibir o seu traballo creativo”. Tamén polo seu “impacto social e económico” que atende aos obxectivos da Axenda 2030. “Porque son respectuosos co medio ambiente, accesibles e inclusivos. Porque favorecen a programación e o traballo do talento feminino e porque traballan para rematar cos estereotipos e por achegar todo tipo de diversidade á cidadanía, ao non depender das majors. En definitiva, esta rede de festivais son puntos de información, investigación, exhibición e axentes dun ecosistema plural”, apuntou Mercedes Queixas.

Na súa resposta, a portavoz popular, María Sol Díaz Monteira, suliñou o “momento histórico” que atravesa actualmente o audiovisual galego, un ámbito que definiu como “prioritario e estratéxico” para a Xunta. Dito o cal, a parlamentaria popular rexeitou a proposta presentada polos socialistas galegos e presentou no seu lugar unha proposta de transacción, que foi finalmente aprobada por unanimidade dos grupos, na que non se concretan contías económicas nin compromisos claros. Así pois, o acordo acadado polos grupos parlamentarios é instar á Xunta a, en función da dispoñibilidade de fondos, incrementar o importe das axudas aos festivais do sector audiovisual, e continuar realizando estudos de impacto no ámbito cultural, dando prioridade agora aos festivais de cinema e audiovisual. Un compromiso que desde a Coordinadora Proxecta consideramos “desalentador e unha simple declaración de intencións, as mesmas que o sector vén recibindo ano tras ano e nunca rematan de se materializar”.

É por iso que os festivais de cinema volvemos reclamar unha vez máis que a Xunta corrixa o déficit histórico da administración galega co colectivo dos festivais de cinema. Para iso, solicitamos que destine ao sector un 10% dos fondos das axudas directas ao cinema e ao audiovisual da AGADIC. Na mesma liña, tamén reiteramos a esixencia de que se nos teña en conta nas novas accións e investimentos que o Goberno galego realize en materia audiovisual.

 

Ligazón para visionar a comparecencia da Comisión 4ª, Educación e Cultura, 7 de Xullo de 2023: http://mediateca.parlamentodegalicia.gal/watch?id=Y2Y0N2NjMDYtNmNmZi00MzRkLWJjMDUtN2JjZDNiNTQ4Yjlh&start=7666 (A partir do 12:37)