O Carballo Interplay reafirma o seu compromiso coa creación dixital en galego e o pensamento social

O Carballo Interplay reafirma o seu compromiso coa creación dixital en galego e o pensamento social

A XII edición do Carballo Interplay celebrouse entre o 24 e o 27 de abril cunha programación marcada pola diversidade, a reflexión e a aposta pola lingua. O festival acolleu proxectos audiovisuais de Galicia e do mundo, encontros con referentes como Bob Pop ou Ana Polo, podcast en directo e paneis de debate arredor da diversidade e o traballo cultural.


Entre os premios máis destacados, o recoñecemento á creación dixital en galego foi para Rebelico Revista, un proxecto multimedia sobre a cultura tradicional galega, e para a tiktoker Sara Seco, premiada pola súa capacidade para conectar humor, crítica social e contido de lifestyle.


Na categoría de Mellor Produción en galego, o proxecto Epidemia invisible do xornalista Román Varela, que aborda a saúde mental desde unha perspectiva documental, recibiu o apoio do xurado cunha dotación de 3.000€.


A Sección Oficial contou con vinte propostas internacionais. The Pearl (Let’s make peace), comedia iraniana en stop motion, foi escollida como Mellor Serie polo xurado oficial, mentres que o premio á Mellor Dirección recaeu en J’adore le jus, do canadense Alec Pronovost. A serie galega A moza que abortou e o contou, de Eire Cid, foi recoñecida polo Xurado Novo.


As codirectoras Sonia Méndez e Andrea Villa destacaron que esta foi “a edición máis social ata o momento”, cunha “recepción sen precedentes” das actividades e unha clara vontade de continuar por esa liña nas vindeiras edicións.