O cinema galego consolídase no XX London Spanish Film Festival coa proxección dunha decena de obras

O cinema galego consolídase no XX London Spanish Film Festival coa proxección dunha decena de obras

  • A sección Letters from Galicia recunca este ano no encontro londiniense grazas aos esforzos da Coordinadora Galega de Festivais de cine PROXECTA e a Galician Film Forum co apoio de AGADIC
  • O corno de Jaione Camborda vaise proxectar o 22 de setembro e contará cun encontro coa súa actriz protagonista, Janet Novas
  • A proxección do documental Salvaxe, salvaxe será o 23 de setembro e terá tamén un coloquio co seu director, Emilio Fonseca
  • As curtametraxes protagonizan unha sesión especial composta por Habitar, Véxote, To bird or not to bird, Non te vexo, Queimar cando morrae Alguén me chamou serpe negra

Por segundo ano consecutivo, o cinema galego volve contar cunha sección específica, Letters from Galicia, no London Spanish Film Festival (LSFF). Así, a 20ª edición deste encontro, escaparate do audiovisual estatal, acollerá a proxección da longametraxe de ficción O corno, o documental Salvaxe, salvaxe e unha sesión de seis curtametraxes. Esta programación en galego é posible grazas ao esforzo conxunto do Coordinadora Galega de Festivais de Cine PROXECTA, que recollendo a iniciativa comezada o pasado ano pola MICE Museo do Pobo Galego xunto co Galician Film Forum, contan, nesta edición, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

O LSFF, que xa acolle desde hai tempo seccións diferenciadas de Cataluña e Euskadi, abriu a ventá galega por primeira vez en 2023 cunha iniciativa do festival de cine etnográfico MICE Museo do Pobo Galego e a entidade de promoción do cinema galego en londres Galician Film Forum. Desta volta, grazas á incorporación de Proxecta, e ao apoio de AGADIC, a sección é máis ampla, contando cun maior número de obras e de cineastas que se desprazarán até a capital londiniense para presentar os seus traballos.

O público poderá gozar nesta edición do festival londinense do mellor da nosa cinematografía. A  premiada O corno dirixida por Jaione Camborda pasarase o domingo 22 de setembro nos Riverside Studios e contará coa presenza da actriz protagonista, Janet Novas. Un día despois, o luns 23, será a estrea en Londres de Salvaxe, salvaxe, tamén nos Riverside Studios. Nesta ocasión o público poderá departir co seu director Emilio Fonseca. En ambos os dous casos, o coloquio estará moderado por Adriana Páramo, cineasta e directora do Galician Film Forum.

O corno supuxo a primeira vez que unha obra en galego gañou o galardón Concha de Ouro no Festival de San Sebastián en 2023. Dirixida pola cineasta vasca afincada en Galicia, Jaione Camborda, conta a historia de María, unha muller que axuda nos partos e que tras un suceso inesperado vese obrigada a fuxir. En busca da súa liberdade, cruza a fronteira por unha das rutas contrabandistas entre Galicia e Portugal.

Salvaxe, salvaxe, dirixido por Emilio Fonseca, foi o documental gañador da Biznaga de Plata no Festival de Málaga de 2024 e toma como punto de partida o rastrexo do lobo ibérico, interrogando a través da cámara a relación da humanidade coa natureza.

O 24 de setembro no Ciné Lumière vaise proxectar unha escolma de curtas nunha sesión especial denominada Short Letters from Galicia. As seis obras seleccionadas son estrea no Reino Unido e están vinculadas pola busca persoal e a exploración emocional dos e das protagonistas. Esta sesión de curtas está integrada por Habitar, de Anxos Fazáns, Véxote de Óscar Pardo, Non te vexo, de Xacio Baño, Queimar cando morra, de Inés Pintor,  Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé e a  gañadora do Goya 2024 á mellor curta de animación, To bird or not to bird, de Martín Romero.

Alén desta programación en lingua galega, o festival inclúe tamén as películas Justicia artificial, de Simón Casal, e  El sueño de la sultana de Isabel Herguera, un filme de animación que aínda que se presenta na fiestra vasca conta con produción galega,  que se proxecta este mércores 18 no Ciné Lumiére. Ao rematar o filme está previsto un coloquio co director que será moderado por Joana Granero, directora do LSFF.

PROGRAMA ‘LETTERS FROM GALICIA’

O corno

Domingo 22 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]

Coloquio coa actriz Janet Novas moderado por Adriana Páramo, directora do GFF

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/o-corno/

Salvaxe, salvaxe

Luns 23 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]

Coloquio co director Emilio Fonseca moderado por Adriana Páramo, directora do GFF

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/salvaxe-salvaxe/

Short Letters from Galicia

Martes 24 setembro | 18.30 h | Ciné Lumière [17 Queensberry Place, London SW7 2DT]

Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/short-letters-from-galicia/

Programa:

  • Habitar (2023) de Anxos Fazáns
  • Véxote (2023) de Óscar Pardo
  • To bird or not to bird (2023) de Martín Romero
  • Non te vexo (2023) de Xacio Baño
  • Queimar cando morra (2024) de Inés Pintor
  • Alguén me chamou serpe negra (2024) de Borja Santomé

Web do London Spanish Film Festival (LSFF): http://www.londonspanishfilmfestival.com/