O “Cinema Itinerante” de PROXECTA chega a Teo

O “Cinema Itinerante” de PROXECTA chega a Teo

O Complexo Xerontolóxico O Castro, en Teo, converterase nun espazo adicado ao cinema coa transformación dunha das súas salas nunha auténtico patio de butacas. Dende PROXECTA, e grazas á labor das compañeiras do FIC BUEU, levamos a cabo esta actividade que pretende ofrecer un espazo de ocio para as nosas maiores, pero tamén unha experiencia cinematográfica con enfoque terapéutico, traballando aspectos como a memoria e a comunicación grupal.

Cine para a memoria e a interacción

Levaranse a cabo tres proxeccións de tres filmes: As vacas de Wisconsin, O coidado e O Carro e o Home. Alén dos visionados, estas películas pretende suscitar conversas entra as asistentes ao redor da análise das películas e as sensacións logo da experiencia. Estas actividades servirán para fomentar a comunicación e o exercicio da memoria. 

A curaduría destes filmes pretende convertir o cinema nunha ferramenta de socialización e coidados para as usuarias do Castro. O obxectivo desta actividade é achegar a cultura audiovisual ás persoas maiores, promovendo espazos de reflexión e diálogo. A través dos filmes seleccionados, as persoas asistentes poderán revivir experiencias e activar recordos, participando en conversas grupais que fomentan a conexión e a interacción entre elas.

  • As vacas de Wisconsin (Sara Traba): Esta historia divertida e entrañable narra a vida dunha anciá galega que vive cunha vaca vella que xa non dá leite. A súa rutina cambia cando descobre nunha noticia que as vacas poden producir máis leite escoitando música sinfónica. Así comeza a aventura da protagonista en busca de música clásica e un reprodutor para poñerlla á súa vaca.
  • O coidado (Miguel Canalejo): Eduardo, un home de 70 anos, comeza a enfrontarse a dificultades para coidar de si mesmo. Vive só na súa antiga casa familiar, acompañado dun androide cuxa única tarefa é mellorar a súa calidade de vida. O filme reflexiona sobre a soidade, o coidado persoal e as relacións humano-tecnolóxicas.
  • O carro e o home (Antonio Román): O carro, máis que un simple medio de transporte, formaba parte da vida e cultura rural galega. Esta peza cinematográfica amosa o ciclo de vida dun carro, dende a súa construción ata a súa desaparición, a través do traballo cotián no campo, como a malla e a confección do liño.

O cinema pode actuar como un poderoso motor social e curador para a xente maior, ofrecendo un espazo onde conectar coas súas experiencias persoais e culturais a través das historias e imaxes proxectadas. Ao activar a memoria, as emocións e a reflexión colectiva, o cinema fomenta a comunicación e a interacción social, aspectos fundamentais para combater a soidade e o illamento. Ademais, pode servir como unha ferramenta terapéutica ao permitir que as persoas maiores exploren temas relacionados co envellecemento, a identidade e as relacións humanas, mellorando o seu benestar emocional e cognitivo.

Esta actividade desenvólvese dentro da programación anual de PROXECTA – Coordinadora Galega de Festivais co apoio de Cultura de Deputación da Coruña. A xestión, curadoría e coordinación é da equipa do FIC Bueu.