
27 Mai O Festival de Cans pecha unha edición histórica con preto de 13.000 asistentes
A XXII edición do Festival de Cans rematou este domingo deixando unha fonda pegada emocional e a confirmación do seu forte vínculo coa veciñanza, o cinema galego e o público. Durante cinco días, preto de 13.000 persoas percorreron os camiños da aldea de Cans (O Porriño) para gozar dunha programación que combinou estreas, concertos, coloquios e momentos de homenaxe que emocionaron e uniron.
A curtametraxe Monstera, do vigués Diego R. Aballe, foi a gañadora do Premio do Público cunha historia que mestura o humor e a vida cotiá, e que conquistou ás espectadoras e espectadores que ateigaron os jalpóns e espazos do festival. As entradas para moitas das proxeccións esgotáronse con máis dunha semana de antelación, e nas estreas de filmes como Antes de Nós ou Crónicas dun Non, moita xente tivo que quedar fóra.
A edición tamén destacou pola súa dimensión emocional. Cans quixo lembrar a figuras queridas da aldea, como a señora Alicia ou o veciño Adriano Campos —Chimpín de Prata este ano—, e recuperar a memoria de Reisiño, represaliado durante o franquismo. Tamén foi especialmente conmovedor o coloquio con Alfonso Zarauza, Premio Pedigree de Honra, que coincidiu co falecemento de Piti Sanz, músico fundamental na cultura galega contemporánea.
Outro dos momentos máis agardados foi o coloquio con Daniel Sánchez Arévalo, que presentou en primicia as primeiras imaxes do seu novo filme Rondallas, rodeado dun amplo elenco de actores e actrices e integrantes de agrupacións tradicionais. A demanda foi tan alta que se organizaron dous pases consecutivos no Baixo de Carlos, totalmente cheo.
A música volveu ser parte esencial do espírito de Cans: máis de 1.500 persoas diarias pasaron polo Espazo Estrella Galicia na Leira do Río para escoitar a bandas como Biznaga, Santero y Los Muchachos ou Banda da Loba. O Torreiro vibrou con Guadalupe Plata e o concerto de benvida de Caamaño Ameixeiras foi unha das actuacións máis celebradas da edición.
Desde Proxecta celebramos a forza e identidade dun festival que, ano tras ano, constrúe cultura desde o rural, co apoio da veciñanza, e cun modelo organizativo que pon no centro o público, a creación galega e a celebración compartida do audiovisual.