07 Mar O Festival Internacional de Curtas de Verín celebrará a súa V edición do 5 ao 13 de setembro
A V edición do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV) terá lugar na vila do Támega entre os días 5 e 13 de setembro deste ano, celebrándose así por primeira vez na época estival.
En palabras de Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, o cambio de datas busca “optimizar ao máximo o potencial do certame”. “Setembro permitiranos programar actividades relacionadas coa cinematografía ao aire libre, aproveitar o aumento de poboación que rexistra a comarca no verán e atraer a un maior número de participantes e asistentes”, destaca.
“Estamos a traballar xa no programa desta quinta edición con actividades para todos os públicos coas que continuaremos dinamizando a actividade cultural e de lecer da comarca e promocionando a marca Verín internacionalmente”, prosegue Montero.
Aberto o prazo de presentación de obras
A organización do FIC Vía XIV abriu o prazo para participar no concurso oficial do certame. As bases atópanse xa na web www.ficviaxiv.com. Os interesados e interesadas poderán presentar as súas obras nas catro categorías temáticas do festival, ao igual que outros anos: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova, ata o vindeiro 31 de maio.
As curtametraxes que concorran ao concurso deben ter unha duración inferior a 31 minutos e ser realizadas con posterioridade a xaneiro de 2019.
A taxa de inscrición inicial por cada curta participante será de 2 euros, cos que se axudará á organización a sufragar diversos gastos de xestión do festival.
En canto aos premios, novamente establécense 5. Un á mellor curtametraxe en cada unha das catro categorías, por valor de 750 euros, e outro adicional que outorgará o público, cunha contía de 600 euros.
“O ano pasado recibimos máis de 800 obras de 50 países para participar no noso concurso, entre as que seleccionamos 52 procedentes de 21 países, que se exhibiron durante o festival. En total, máis de 3.300 persoas asistiron nas proxeccións e nas actividades paralelas. Animamos a todos os interesados a participar neste concurso consolidado no mapa cultural internacional”, apunta Carlos Montero.