O FIC Andaina pecha a súa XIII edición con máis de 2.000 espectadores e premios a curtas que visibilizan a diversidade

O FIC Andaina pecha a súa XIII edición con máis de 2.000 espectadores e premios a curtas que visibilizan a diversidade

O Festival de Curtametraxe Andaina puxo o ramo á súa decimoterceira edición esta fin de semana coa entrega dos premios do xurado e do público, nunha convocatoria que combinou cine, inclusión e compromiso social. Durante dez días, o FIC Andaina levou o mellor da curtametraxe a Redondela e Moaña, cunha programación que chegou a preto de 2.000 espectadores entre alumnado e público xeral.

O premio do xurado á mellor obra de ficción foi para Los invitados de Amaia, do director xeorxiano George Todria. A curtametraxe aborda con sensibilidade a relación entre Nerea e a súa nai Amaia, que deixa de recoñecela a causa do Alzheimer. Pola súa banda, o público recoñeceu como mellor obra de ficción La casa de la abuela, dirixida pola viguesa Ashling Ocampo, que narra o tránsito cara á autonomía dunha moza con síndrome de Down no día do seu 18 aniversario.

Ademais, a protagonista desta última peza, María Iriondo, foi galardoada co premio á mellor interpretación, que recolleu da man do director do festival, Antonio García. Completan o palmarés Operación ecce homo, da Asociación Atades de Zaragoza, na categoría escolar, e Cala, cala son, da cántabra Lucía Venero, premiada na sección documental por unha obra gravada en Guinea Bissau.

Nesta edición, o festival apostou novamente por integrar a diversidade funcional como eixo vertebrador da súa programación. Alén das proxeccións, desenvolvéronse encontros e actividades con entidades como a Compañía Variopinto, a Asociación Lenda ou a medallista paralímpica Judith Rodríguez, convertendo o FIC Andaina nun espazo de referencia en Galicia pola súa capacidade para conectar cultura, inclusión e territorio.