10 Out O FICBUEU clausura a súa 18ª edición
O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) pechou a súa 18ª edición cunha excelente acollida de público e un alto nivel nas propostas programadas, tanto nas competicións oficiais como nas seccións paralelas. Durante dez días, o Centro Social do Mar volveu ser o epicentro do cinema galego e internacional, reunindo a cineastas, público e profesionais nunha nova celebración do curtametraxe.
O Primeiro Premio desta edición foi para The Eggregores’ Theory, de Andrea Gatopoulos, recoñecida polo xurado pola súa ousadía estética e a súa capacidade para construír un universo visual propio. O Premio á mellor curtametraxe galega recaeu en Abellón, de Fon Cortizo, mentres que Campolivar, de Alicia Moncholí, levou o galardón á mellor curtametraxe española. O público, pola súa parte, elixiu como favorita O, de Rúnar Rúnarsson.
Completan o palmarés On Hold, de Delia Hess (Mellor Curtametraxe Descubertas), Algo novo que contar, de Paula Pereira (Mellor Curtametraxe GZ_00), Crow Man, de Yohann Abdelnour (Mellor Curtametraxe de Escolas Internacionais), e Praza do Punto, de Aira Portos Rey (Mellor Curtametraxe de Escolas Galegas).
A programación desta edición incluíu tamén as proxeccións da Sección Centros de Ensino, con premios para Árbores no camiño (CEIP Xesús Golmar) e Mariñeira (IES Ramón Cabanillas), así como sesións familiares, encontros con cineastas, actividades formativas e propostas para todos os públicos.
Segundo a organización, o festival contou cunha alta participación nas proxeccións e actividades paralelas, consolidando o seu compromiso coa educación audiovisual e a creación contemporánea.
Desde Proxecta celebramos o éxito dunha nova edición do FICBUEU, que continúa a reafirmarse como un espazo esencial para o encontro entre o cinema galego e internacional. A traxectoria do festival, o seu traballo pola formación de novos públicos e a súa aposta pola curtametraxe como ferramenta artística e social fortalecen ano tras ano a rede de festivais que conformamos, contribuíndo á visibilidade e á proxección do audiovisual galego dentro e fóra do país.