Os festivais de cinema de España alertan da inestabilidade e falta de homoxeneidade nas axudas autonómicas

Os festivais de cinema de España alertan da inestabilidade e falta de homoxeneidade nas axudas autonómicas

Federación Pantalla, a entidade que agrupa a 185 festivais a través de 8 coordinadoras territoriais, reclama ao Goberno, ao ICAA e aos Gobernos autonómicos, dentro do marco competencial existente, a revisión do sistema de axudas dedicadas a festivais no Estado para garantir a equidade e a estabilidade dos eventos. Defenden que os festivais de cinema son motor de dinamización cultural ao longo de todo o territorio, xeran emprego especializado e garanten o acceso ao cinema onde as salas comerciais non chegan. Un ecosistema que está ao límite e que é de facto unha infraestrutura que vertebra o territorio e á que é necesario dotar de impulso e estabilidade de maneira axeitada á realidade diversa e complexa do sector.

Federación Pantalla subliña que os festivais de cinema non só son ventás de exhibición, senón axentes que fan posible o acceso á cultura en todos os territorios, especialmente no ámbito rural. Por iso, esixen que o financiamento público se adapte ás especificidades dos distintos festivais ou mostras, incluíndo a axilización de procesos como os de resolución e aboamento, que habitualmente chegan tarde para a supervivencia das estruturas profesionais.

Reclamacións do sector dos festivais e mostras de cinema

Para que a cultura sexa un dereito efectivo e non un privilexio xeográfico, a Federación Pantalla esixe un compromiso institucional baseado no recoñecemento do papel cultural e territorial dos festivais, que non só sexan vistos como industria, senón como unha ferramenta de acceso á cultura, cohesión social e dinamización territorial que son. Por iso, alértase do perigo da desinversión pública, e pídeselle ás políticas públicas que reflictan ese valor estratéxico, atendendo de maneira coordinada e dentro das posibilidades competenciais, a necesidades clave:

  • Un Plan Estatal adaptado á diversidade de festivais: ICAA, Gobernos rexionais e concellos, dentro do marco competencial existente, deben deseñar liñas de axuda rexidas pola equidade, en coordinación e con criterios unificados. Ademais, solicítanse adaptacións para que un festival rural non compita coas mesmas regras ca un gran certame urbano ou internacional. Pídense regulamentos flexibles que dean resposta tanto a estruturas profesionais como a emerxentes ou asociativas.
  • Estabilidade e axilidade administrativa: o sector non pode sobrevivir ás cegas nin cunha visión a curto prazo. Reclámase a harmonización de calendarios de maneira que as resolucións e os pagamentos cheguen a tempo para permitir a planificación e evitar a asfixia financeira que xa está facendo desaparecer festivais.
  • Financiamento estrutural e transparente: eliminar a dependencia dos convenios nominativos e das axudas xenéricas. Solicítase a creación de liñas específicas para festivais de cinema en comunidades onde non existen, e un maior investimento naquelas onde o apoio é testemuñal.
  • Visión de futuro e profesionalización: o apoio debe ir máis alá da exhibición. Reclámase financiamento para crear industria e ofrecer formación a profesionais, así como modelos de apoio plurianuais que permitan consolidar equipos profesionais e xerar emprego estable no territorio.

O sector reclama pasar de maneira real e tanxible a un modelo que entenda os festivais de cinema como un servizo público esencial en termos de acceso á cultura, e isto pasa necesariamente por unha interlocución efectiva e eficiente coas distintas administracións, que, se ben se rexen polo marco de competencias culturais transferidas ás CC.AA., deberían atender ás especificidades e dificultades do sector: máis alá da boa vontade, queda percorrido para abordar, coordinar e tomar medidas relativas ás cuestións de fondo que afectan aos festivais de cinema.

Radiografía dunha desigualdade: a realidade por territorios

A falta dunha estratexia estatal común derivou nun desequilibrio entre territorios. Mentres algunhas rexións manteñen estruturas de apoio, outras condenan os seus festivais ao baleiro institucional, comprometendo a súa sustentabilidade e o dereito da cidadanía á cultura:

Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema): malia o incremento orzamentario acadado pola presión do sector, os festivais só reciben o 3% das axudas ao audiovisual galego. Reclámase avanzar cara a un modelo máis unificado, que concentre o investimento público nunha liña común que garanta igualdade de oportunidades e coherencia no apoio ao conxunto de festivais. Denúnciase a falta de transparencia nos convenios nominativos e a ameaza de desaparición de axudas a laboratorios e residencias, o que incrementa a fraxilidade do ecosistema.

Os festivais de cinema como xeradores de riqueza

Federación Pantalla lembra que o fortalecemento deste sector supón, ademais de todos os beneficios da democratización da cultura, externalidades positivas directas para os territorios, favorecendo o turismo cultural e creando oportunidades para xestores, técnicos e diversos oficios vinculados ao cinema. Así mesmo, propoñen unha harmonización con modelos europeos limítrofes que permita colaboracións transfronteirizas e desenvolver o potencial internacional do circuíto.

Cristina Gómez, presidenta de Federación Pantalla, declara que “non podemos permitir que o código postal dun festival determine a súa supervivencia. Co noso comunicado queremos visibilizar que os festivais de cinema somos un oasis para a diversidade cinematográfica e a maior ferramenta de cohesión territorial que ten o audiovisual español, e alertar do perigo de desinversión que estamos a observar. Precisamos axudas coordinadas, con criterios unificados, e un marco estatal que entenda a diversidade no noso sector. Sen un financiamento axeitado e procesos eficientes, estase a apagar a voz cultural dos distintos territorios, e estanse a botar por terra moitas oportunidades laborais e externalidades positivas”.