29 Ago PALMARÉS 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego
Publicado en 22:09h
en
Novas
por Proxecta
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2020.
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou hoxe os premios correspondentes á súa 15ª edición. O documental The season when velvet antlers get ripe, [A tempada do desmoche] da realizadora rusa Galina Leontieva acadou o premio á Mellor Película Etnográfica: “pola capacidade de inmersión que trasmite a película a partir dun traballo cinematográfico coidado e suxerente. Pola representación brillante dun contexto que xenera unha reflexión que parte da producción do veludo de cervo para desvelar as súas relacións globais”.
O xurado, formado por Jorge Moreno (antropólogo, cineasta e director do proxecto Mapas de Memoria); Iván Cuevas (xornalista, filólogo e fundador do Cineclube de Compostela) e Xisela Franco (cineasta, documentalista e docente), decidiu ademais facer unha mención especial ao documental Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn polo “emprego dunha linguaxe que permite repensar o material de arquivo coa intención de deconstruir certas miradas establecidas”.
Por outra banda, o premio á Mellor Película Galega recaeu en Hamada, de Eloy Domínguez Serén. O xurado destacou dela “a mirada cinematográfica coa que realiza un retrato empático e profundo da realidade que vive unha xeración de mozos nos campos de refuxiados saharauis”.
Pola profundidade antropolóxica, a vontade holística e a vocación de compromiso a Asociación de Antropoloxía Galega decidiu dar o premio AGANTRO a Une nouvelle ère, de Boris Svartzman por ser un documental “cunha incrible sensibilidade etnográfica que retrata dunha forma densa e profunda as complexidades dos procesos de desprazamento forzoso na China contemporánea. O documental revela con pericia os efectos das dinámicas do capitalismo e a globalización sobre os modos de vida e subsistencia dos protagonistas, dende un achegamento íntimo e sensible ao seu sentido do mundo, modos de subsistencia e repertorios de mobilización e resistencia”. A xurado AGANTRO, formado este ano por Bibiana Martínez, Carlos Diz e Joan Roura, tamén decidiu facer unha mención especial a Hamada, do galego Eloy Domínguez Serén.
Por último, o público outorgou o premio do Público desta 15 edición da MICE a Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo. Unha curta que nos fai viaxar pola tradición oral do rural galego da man de Carmen, que nos conta historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade infestadas de costume, folclore e supersticións.
PALMARÉS
15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
- Premio á Mellor Película Etnográfica (dotado con 1000 euros, diploma e trofeo): The season when velvet antlers get ripe, [A tempada do desmoche] da rusa Galina Leontieva.
- Mención especial ao documental Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn.
- Premio do xurado á Mellor Película Galega (dotado con 700 euros, diploma e trofeo): Hamada, de Eloy Domínguez Serén.
- Premio AGANTRO (dotado con 500 euros e trofeo): Une nouvelle ère, de Boris Svartzman.
- Premio do público para Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo.
|
|
|
|
|
As películas gañadoras desta 15 edición pasáranse nos vindeiros días na canle de Vimeo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
|
|
|