13 Mai Play-Doc pecha a súa vixésima edición consolidándose como festival de referencia
Do 1 ao 5 de maio de 2024, Play-Doc, festival internacional de cinema con sede en Tui, celebrou o seu aniversario cunha programación contundente e rigorosa, coherente co seu propio carácter e tamén coa súa evolución ao longo de todos estes anos. Unha programación con abundancia de estreas, achados e a recuperación de verdadeiras xoias do cinema a través de numerosas restauracións, que veu marcada polo mesmo espírito de reivindicación dunha certa cinematografía, de descubrimento e de novidade.
Na súa programación destacou a primeira presentación internacional da obra do realizador británico David Gladwell; a primeira retrospectiva europea dedicada ao brasileiro Leon Hirszman, un dos nomes máis destacádevos do Cinema Novo; a estrea mundial da restauración de O fin da guerra, da realizadora alemá Viola Stephan; a estrea española da restauración da emblemática As armas e ou povo, filme esencial da revolución dos caraveis; a reivindicación do pioneiro do cinema español Tony Román e unha homenaxe ao cineasta de culto William Friedkin, cunha proxección especial de The Exorcist nunha histórica igrexa de Tui.
Esta edición aniversario destacou tamén pola participación, na súa competencia internacional, de recoñecidos e celebrados cineastas cuxas obras se caracterizaron pola permanente procura estética e o risco formal. Desde o traballo póstumo de Jean-Luc Godard ao máis recente filme do prolífico realizador brasileiro Júlio Bressane –en estrea europea–, pasando polas novas obras de veteranos investigadores da linguaxe cinematográfica como Paul Vecchiali, Jean-Claude Rousseau, Jerome Hiler, Enrico Ghezzi, Alessandro Gagliardo e a dupla que integran Yervant Gianikian e Angela Ricci Lucchi, a competición internacional desta edición foi unha celebración de cineastas que, ao longo das súas carreiras, xamais deixaron de lado o seu interese pola experimentación audiovisual.
Ao longo dos seus vinte anos de historia, o compromiso do Festival Internacional de Cinema Play-Doc co cinema galego foi permanente, servindo como punto de encontro, plataforma de promoción do talento máis próximo e carta de presentación das producións recentes xurdidas en Galicia. A través dunha ampla variedade de títulos, nesta edición a tradicional sección competitiva galega propuxo un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas, tanto no formal como no temático.
O programa completouse cunha serie de actividades paralelas, como obradoiros de cinema, seminarios de crítica cinematográfica, actividades de industria, cinema expandido polo centro histórico da cidade, perfomances audiovisuais, concertos ou sesións de cinema con música en directo.
Con máis de 5.000 espectadores presenciais, preto de dous mil espectadores en liña e máis dous centenares de acreditados, (entre invitados de prensa, profesionais e estudantes), unha notable cobertura mediática nacional e internacional (Cahiers du Cinéma, Caimán Cuadernos de Cine, Sabzian, À pa de Walsh, Diario Público, Taipei, Cineuropa, Outros Cinemas Europa, Desistfilm, ademais dunha ampla cobertura en radio, prensa, redes e televisións rexionais e locais), podemos falar dunha nova exitosa edición. Play-Doc pode segue crecendo e proxectándose desde a súa posición única, no panorama internacional de festivais.