30 Abr PROXECTA participa en Braga nun encontro para avanzar na cooperación entre festivais de cinema da Eurorrexión
PROXECTA estivo presente estes días en Braga nun encontro promovido polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que reuniu representantes de festivais de cinema da Galiza e do Norte de Portugal co obxectivo de xerar unha dinámica común que permita impulsar tanto a creación como a comercialización do cinema na Eurorrexión. A asociación estivo representada por Marcos Gallego, membro da directiva e representante do festival Mostra Mares da Fin do Mundo.
O convite do Eixo Atlántico a este encontro procuraba avanzar na articulación dunha rede de festivais que favoreza o coñecemento mutuo, a creación e a distribución conxunta das producións audiovisuais galegas e portuguesas.
Durante o encontro analizouse a situación da industria cinematográfica en Galicia e en Portugal, así como os niveis de colaboración xa existentes e as posibles vías para reforzar, desde o Eixo Atlántico e as súas cidades, a cooperación entre ambos territorios.
Nesta primeira xuntanza estiveron presentes representantes de Curtocircuito (Santiago de Compostela), OUFF – Ourense Film Festival (Ourense), Cineuropa (Santiago de Compostela), Festival Internacional de Cinema de Bueu (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (Pontevedra), Mostra de Curtas Vila de Noia (Noia), Mostra Mares da Fin do Mundo (Rianxo), Cinanima (Espinho), Curtas Vila do Conde (Vila do Conde), Porto/Post/Doc (Porto) e Fest Espinho (Espinho).
Ademais, tamén participaron Catarina Miranda, concelleira de Cultura da Câmara Municipal de Braga, e Nuno Gouveia, administrador executivo de Faz Cultura, quen puxeron en valor a importancia de continuar fortalecendo a cooperación cultural entre territorios.
Neste contexto, a nosa presenza no encontro serviu para representar de maneira conxunta aos festivais e mostras que forman parte de PROXECTA, achegando a experiencia dun sector que leva anos traballando en rede.
A xuntanza permitiunos tamén coñecer de primeira man as necesidades e propostas doutros festivais, tanto galegos como portugueses, e abrir novas vías de relación con iniciativas da Eurorrexión. Un paso máis para avanzar en dinámicas de colaboración e reforzar a conexión entre festivais.
Como continuidade deste proceso, está prevista unha nova reunión o 19 de maio en Guimarães, na que se avanzará na posible coordinación do grupo, se debaterá sobre o futuro do público do cinema e se explorarán vías de apoio desde o Eixo Atlántico.