San Sadurniño acolle o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema

San Sadurniño acolle o II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema

O vindeiro 22 de agosto, San Sadurniño será escenario dun encontro clave para o sector audiovisual galego coa celebración do II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema organizado por PROXECTA. Trátase dun espazo de diálogo e reflexión que reúne a profesionais do sector audiovisual para compartir experiencias, analizar retos comúns e fortalecer redes colaborativas.

Despois dunha primeira edición celebrada en Zas, o evento aposta de novo por un enclave rural, afastado dos grandes núcleos urbanos, consolidando así o compromiso de Proxecta -Coordinadora Galega de Festivais de Cinema- coa descentralización cultural e coa revitalización do territorio a través do cinema. Este ano, a temática xirará arredor dos festivais que se desenvolven no rural, impulsados por colectivos que entenden a cultura como motor de transformación social e económica.

A sesión da mañá estará reservada ao encontro profesional baixo o título «Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio». Será un espazo de diálogo entre cineastas, organizadores de festivais, programadoras e outros axentes do sector audiovisual. A través dunha conversa centrada nos festivais que traballan desde o rural, analizaranse as súas realidades, fortalezas e desafíos, afondando en como estas iniciativas contribúen á vida cultural e social dos territorios nos que se desenvolven. Máis alá dunha mesa de debate, trátase dunha oportunidade para compartir experiencias e crear redes, favorecendo o coñecemento mutuo e a colaboración entre profesionais que apostan por un modelo cultural sustentábel e descentralizado.

Durante a tarde, o encontro abrirase ao público con dúas propostas cinematográficas que destacan a creación galega contemporánea e a vontade de poñer en diálogo ás cineastas coas espectadoras. Ás 19:00h, proxectarase unha selección de curtas realizadas na Chanfainalab pola veciñanza ou por afeccionados locais de San Sadurniño. A xornada continuará coa proxección de “Salvaxe, Salvaxe” coa presenza do director Emilio Fonseca e a produtora Xiana do Teixeiro. A encargada de poñer punto final ao Encontro será a cantautora Su Garrido Pombo que ofrecerá un concerto na Sala DZine ás 22.00h.

PROGRAMA COMPLETO.

Localización: Casa da Cultura de San Sadurniño

11:30h Benvida e inauguración do Encontro

12:o0h Café compartido

12:30h Mesa redonda «Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio»

17:00h Paseo turístico por San Sadurniño

19:00h Sesión de curtas: Selección de curtas realizadas na Chanfainalab pola veciñanza ou por afeccionados locais de San Sadurniño. Presentadas polos autores e autoras.

  • “Cabeceira” de Cesar Galdo
  • “O parto da Parda” Abel Vega
  • “Boniatos no país do sol poniente” de Teño unha horta
  • “Pedro Chosco” de NaraíoMedia
  • “Un ninguén máis” Ángela Arnosa
  • “Vella e soa” Anxo Pena
  • “A miña cor preferida é o verde” Pablo Martínez
  • “O pano de seda” Kevin Lorenzo
  • “O caldo de marina” Bieito
  • “Trae” de Fran da Lobeira
  • “Solposto” de Iago Lourido
  • “Non teño dono” de The Sungirls

20:30h Proxección da película «Salvaxe, Salvaxe». Coa presenza do director Emilio Fonseca e a produtora Xiana do Teixeiro

22:00h Concerto de Su Garrido Pombo na Sala DZine

O obxectivo do Encontro vai máis alá da xornada en si. Pasa por crear un espazo de aprendizaxe, inspiración e fortalecemento para as profesionais, e ao mesmo tempo ofrecer á veciñanza unha experiencia cinematográfica viva, conectada coa súa identidade e co seu territorio. En palabras de Proxecta, “os festivais que nacen no rural demostran que a cultura de calidade non entende de localizacións, senón de compromiso, comunidade e visión de futuro”.

A escolla de San Sadurniño non é casual. Máis alá de ser o escenario perfecto para reflexionar sobre cultura e cinema no rural, este concello ofrece unha experiencia única para quen se achegue. Situado entre as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e parte do Xeoparque do Cabo Ortegal, San Sadurniño combina natureza, tradición, patrimonio e hospitalidade. Desde o Castelo de Naraío ata o Pazo da Marquesa, pasando por rutas entre fragas e vales, este territorio cheo de historia e vida rural activa é tamén un lugar para descubrir con calma, para compartir e para gozar. Porque falar de festivais no rural tamén é conectar cos espazos que os fan posibles.