
30 Xul Xornada Audiovisual en Zas: proxeccións e debates con Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema
O vindeiro 7 de agosto, Zas converterase no epicentro do cine galego grazas a Proxecta, a coordinadora galega de festivais de cinema. A vila acollerá o “I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema” no que o público terá a ocasión de compartir visionados de películas e debates xunto a cineastas, programadores e profesionais do sector audiovisual. O evento, deseñado para fomentar a análise, o intercambio de experiencias e a creación de redes profesionais, busca impulsar o desenvolvemento e a promoción da cinematografía galega.
Zas acolle esta actividade que permitirá á veciñanza e aos turistas desfrutar dunha escolma de filmes galegos pensados para o desfrute de todos os públicos. Será unha oportunidade ademais para coñecer a riqueza patrimonial e natural do Concello de Zas e poñer en valor a importancia de crear axendas culturais estables e participativas que revitalicen o noso rural.
A xornada comezará ás 11:30h nas Torres do Allo coa inauguración do acto, que contará coa participación de representantes de Proxecta, a Área de Cultura da Deputación da Coruña como patrocinadora do evento e do Concello de Zas como colaborador. Ás 12:00h, terá lugar unha conversa entre cineastas e profesionais da programación en festivais: “Para que serven os festivais de cinema?”
A sesión da tarde comezará ás 17.30h cunha visita á Torres do Allo. Ás 19.30h, no Auditorio Municipal, presentarase o Espazo Fouciño, unha homenaxe ao percorrido deste festival con pezas programadas en anteriores edicións. Ás 20.30h, no Auditorio Municipal, proxectarase unha selección de curtas, incluíndo traballos de cineastas galegas como Anxo Fazáns, Andrea de la Iglesia, Xacio Baño ou Oscar Pardo Cartelle. A programación da tarde concluirá ás 22:00h, na Praza do Campo (Concello), coa proxección ao aire libre de “O corno”, un drama dirixido e escrito por Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro en San Sebastián.
A actividade proposta por Proxecta xorde da experiencia adquirida ao longo dos últimos anos nos encontros propiciados na veintena de festivais adheridos ao longo da xeografía galega. O obxectivo principal é crear un espazo relacional que inclúa outras áreas do sector audiovisual, facilitando o debate e a reflexión conxunta entre representantes de festivais de cinema, cineastas e profesionais da industria.
Os festivais de cinema son plataformas fundamentais para o desenvolvemento profesional dos cineastas, ofrecendo un lugar para formar, visibilizar e promover o talento audiovisual. A través desta actividade, os representantes de certames poderán coñecer a percepción dos cineastas sobre os seus eventos e comprender mellor como infúen ás súas traxectorias. Pola súa parte, os cineastas terán a oportunidade de entender as dinámicas de traballo dos festivais, incluíndo o procesos de selección de obras.
PROGRAMA COMPLETO
11.30h Inauguración do acto con representantes de Proxecta, Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello de Zas. Torres do Allo
12.00h Mesa redonda: “Para que sirven os festivais de cinema?”. Torres do Allo
14.00h Pausa xantar
17.30h Visita ás Torres do Allo
19.30h Auditorio Municipal. Espazo Fouziño. Pezas escollidas por este festival de entre as programadas en anteriores edicións.
20.30h Sesión de curtas. Auditorio Municipal
HABITAR de Anxos Fazáns | 15 min
VOGAR de Andrea de la Iglesia | 9 min
PLATÓNICO, PLATÓNICA de Xacio Baño | 9 min
VÉXOTE de Oscar Pardo Cartelle | 20 min
22.00h. Praza do Campo (Concello). Cinema ao aire libre. “O corno” de Jaione Camborda
SOBRE PROXECTA. COORDINADORA GALEGA DE FESTIVAIS
É unha asociación sen ánimo de lucro que aposta pola defensa e posta en valor dos festivais e mostras de cinema e audiovisual de Galicia, así como pola promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.
Proxecta ten a vocación de traballar pola defensa e o impulso dun sector que hoxe constitúe un dos máis fértiles e activos do panorama cultural galego, tanto polo nivel e variedade das súas propostas artísticas e culturais, como polo volume de actividade e de atención ao territorio que desenvolven.
Os 19 festivais que conforman Proxecta, entre os cales se atopan algúns dos máis significativos de Galicia, representamos arredor da metade dos 36 festivais, mostras e eventos audiovisuais e de cinema que temos contabilizados actualmente.
Entre nós sumamos 69.839 espectadores e asistentes no último ano, que puideron disfrutar de 1.145 filmes en 486 sesións de proxeccións, cun especial acento no talento audiovisual galego (do que os festivais son motores e escaparates fundamentais) e na creación contemporánea internacional de primeiro nivel, abarcando todos os xéneros e formatos.