Carballo é unha vila ao noroeste da provincia da Coruña, no noroeste de Galicia e tamén no da Península Ibérica. Ten 30.000 habitantes e é a capital da comarca de Bergantiños. Sitúase ás portas da Costa da Morte, unha zona marítima coñecida polos seus naufraxios, as súas sobrecolledoras paisaxes e cantís e por praias como a de Razo, estupendas para facer surf. Na Costa da Morte a forza da marea é quen de afundir petroleiros, facer medrar os mellores percebes do mundo ou provocar a éxtase sensorial dos seus visitantes, especialmente cando hai temporal. Tamén dos seus habitantes, que malia todo levan con bastante tranquilidade iso de vivir na fin do mundo.
Alí nace no ano 2014 o festival CARBALLO INTERPLAY como un evento pioneiro: o primeiro festival de webseries do Estado. A partir de 2015 pasa a ser un Festival de contidos dixitais sempre atento ás novas linguaxes, englobando novas propostas e xeitos de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa rede, un medio en continua transformación.