AGAG, CREA, AAAG e Proxecta manifestan o seu malestar por seren excluídas da reunión que mantivo o pasado 13 de xullo o presidente da Xunta de Galicia con parte do sector audiovisual

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta, asociacións sindicais que aglutinan a preto de 600 profesionais da escrita, dirección, interpretación e do ámbito dos festivais e mostras de cinema e audiovisual, lamentan que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non contase con ningún representante destas entidades na reunión que mantivo con parte do sector audiovisual, xunto co conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

Segundo a nota de prensa pola que estas asociacións tiveron coñecemento da amentada reunión, o obxectivo da xuntanza foi abordar a situación actual, os retos que teñen por diante e as oportunidades deste sector na comunidade. As asociacións excluídas desta reunión alertan do prexuízo que pode supor facer unha análise do presente e do futuro dun sector sen contar coa opinión das traballadoras e traballadores da creación.

AGAG, CREA, AAAG e Proxecta consideran que a súa opinión e representatividade ben merece estar presente nunha xuntanza onde se podería informar e dialogar sobre asuntos tan importantes para o noso tecido como a recente aprobación por parte do Consello de Ministros da distribución de 14,5 millóns de euros entre as CC.AA. para o desenvolvemento de proxectos e escritura de guións, o estado da Lei de Ensinanzas Artísticas e do Estatuto do Artista, o cumprimento dos convenios colectivos, as porcentaxes de profesionais autóctonos nas producións galegas, a produción de ficción na TVG ou o apoio aos festivais de cinema como puntos de encontro para profesionais, público e outros axentes sociais e culturais e plataforma de apoio ao talento e difusión de obras fóra dos circuítos comerciais.

As asociacións que asinan este comunicado negan que tal reunión poida ser considerada como representativa do diálogo co sector audiovisual, ao estar exposta só a opinión dunha parte e non a totalidade do mesmo, quedando totalmente excluída a parte social.

Por último, as asociacións asinantes esixen que se lles teña en conta en calquera reunión futura que sexa organizada pola Administración e da que poidan tirarse conclusións ou medidas que afecten ao seu amplo tecido asociativo.