26 Abr PROXECTA renova a súa directiva e fai balance do último ano para os festivais de cinema galegos
PROXECTA, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, renova a súa directiva e fai balance do último ano para os festivais de cinema e audiovisual de Galicia.
Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema acaba de renovar á súa Xunta Directiva. Por unanimidade a asemblea elixiu a candidatura presentada pola directiva anterior con Ángel Sánchez do Play-doc de Tui na presidencia.
A coordinadora, que naceu a finais do ano 2018, é unha das organizacións máis activas dentro deste sector no estado español, e actualmente dá voz a 18 festivais e mostras cinemtográficas de toda Galicia. Ten validado o seu papel como interlocutor entre os eventos e as diversas institucións, e ostenta a vicepresidencia de Pantalla, a federación española de coordinadoras de festivais de cinema e contidos audiovisuais.
Neste proceso, a Coordinadora fixo tamén balance do que foi o último ano para o sector. Unha tempada na que a Covid-19 e as súas sucesivas variantes condicionou a celebración dos festivais pero no que tamén se recuperou a ilusión e a presencialidade da maioría destes eventos.
Os festivais de Proxecta mobilizaron, no pasado ano, máis de 1.300 películas, impulsando a creación, a produción e a difusión dun cinema plural no que o audiovisual galego tivo un peso fundamental, con case un terzo dos filmes proxectados nos eventos galegos.
A celebración dos eventos da coordinadora levou ás salas a máis de 130.000 persoas, o que evidencia unha pegada social importante e, por extensión, tamén económica, cun volume de postos de traballo e inversión no territorio que converte aos festivais nunha parte importante da industria cultural.
Ademais, a diversidade dos festivais galegos supuxo unha oferta ampla e plural ao longo de todo o ano e por todo o país. Con máis de 700 estreas, achegaron á cidadanía un cinema que, a miúdo, non ten cabida no circuíto comercial. Unhas programacións nas que tamén se celebraron centenares de actividades profesionais e didácticas, xenerando sinerxias co propio sector audiovisual pero tamén co cultural e educativo
Esta proposta cultural e profesional da coordinadora pode seguirse a través da web Proxecta.org. A páxina da entidade foi renovada nestes últimos meses para adaptarse ás necesidades xurdidas da suma de novos asociados e do incremento da súa programación para a que recibe o apoio de Cultura da Deputación de A Coruña e da Deputación de Pontevedra.
Ademais, en 2021, os socios de Proxecta, asinaron o Pacto Cultura Sustentable, xunto a outros eventos culturais como os festivais de música. Un compromiso coa axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable cun plan de acción a favor das persoas, do planeta e da prosperidade, que foi aprobado por 193 países e cuxos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) abraguen os ámbitos ecónomico, social e ambiental.
Con estas premisas, os festivais de Proxecta encaran un novo ciclo no que agardan mellorar o resultados da pasada temporada, incrementando un público que ven crecendo ininterrumpidamente desde hai quince anos e respalda o papel destes eventos como xeneradores de emprego, activadores da economía local, potenciadores dun turismo cultural e sostible e impulsores da creación audiovisualgalega.