Volve o programa de cinema itinerante nas residencias de maiores

PROXECTA, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, dá continuidade a esta experiencia iniciada en 2022, grazas á participación da Deputación da Coruña, e que pretende ofrecer unha alternativa a prol do envellecemento activo e a integración, a través do cinema, das persoas que viven nas residencias de maiores. 

Os centros e datas elixidos para esta segunda edición do programa de cinema itinerante son: 

  • A Residencia do Maior de Riveira, no Concello de Ribeira, e a DomusVi do concello de Vimianzo, o venres 27 de outubro.  
  • A Residencia Pontevea, no concello de Teo, o martes 31 de outubro. 

 

Na selección de filmes realizada pola Coordinadora para o ciclo, repite o clásico “O carro e o home”, de Antonio Román e Xaquín Lorenzo (1940), para o que contamos coa colaboración do Museo do Pobo Galego, depositario dos dereitos deste filme fundacional da nosa cinematografía. Tamén, a curtametraxe de ficción  “As vacas de Wisconsin” (2016), de Sara Traba. E, nesta segunda edición engádese unha película nova, “O coidado” (2023), unha curtametraxe dirixida por Miguel Ángel Canalejo, que trata sobre a vida de Eduardo (70), un home que empeza a ter problemas para coidar de si mesmo e que convive cun androide cuxa función é mellorar a súa calidade de vida.

O ciclo comezará cunha presentación previa do filme aos e ás residentes, para dar paso despois ao visionado e, a continuación, a unha conversa sobre a película. O obxectivo é conseguir un debate participativo e enriquecedor, que propicie o afloramento de pensamentos, sensacións, emocións, e o diálogo e intercambio de opinións.

O Programa de Cinema Itinerante é unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.