Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Despois de catro edicións (desde 2018), MDFDM segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual como o pesqueiro e a cidadanía en xeral.
A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).